A imparable carreira das leis educativas

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

15 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos inmersos na implantación dunha nova lei de ámbito estatal, a Lomloe, que prosegue cunha carreira imparable de modificacións, moito máis centradas en aspectos ideolóxicos que nos verdadeiros problemas da educación. Xa é habitual que os dous principais partidos políticos se desaproben mutuamente e esperen a gobernar para desquitarse, sen acometer un imprescindible debate e acordo de todos a prol da educación. Os ministros queren pasar á historia con leis de seu e prometen que as reformas que implican han solucionar tódolos males. As consecuencias son nefastas: leis que non chegan a entrar en vigor, innovacións abortadas e constante malgasto cos cambios na organización dos centros, nos currículos ou nos libros de texto.

No caso concreto da Lomloe insístese de xeito teimudo no fomento da facilidade para ascender nas diferentes etapas do sistema educativo, co menosprezo do esforzo e coa obsesión de igualar por abaixo. A responsabilidade, o afán por estudar e aprender, a busca do éxito académico nunha palabra, estanse a converter en rarezas, por non dicir en menosprezos. O normal, que xa non chama a atención, é traballar o menos posible, promocionar e titular con suspensos ou chegar á universidade cunha carencia absoluta de base. Segue a confundirse igualdade de oportunidades con igualdade de resultados, téndose chegado mesmo a suprimir as cualificacións numéricas en primaria, non vaia ser que as baixas produzan traumas.

Co obxectivo de diminuír a alta porcentaxe de alumnos repetidores que ten este país, a nova norma establece medidas encamiñadas só a maquillar os datos. Exemplos son titular con unha materia pendente ou cunha media de 5 en todas, ou ben promocionar en secundaria con dous suspensos, aínda que sexan nada menos que Lingua ou Matemáticas. E para quitarse o morto de enriba, responsabilízase aos equipos docentes destas decisións, fomentando aínda máis as tensións cos pais de alumnos.

Os dous grandes problemas seguen sen se abordar. Primeiro, reducir os currículos, para posibilitar máis atención ás técnicas de traballo intelectual; e segundo, deixar de facer demagoxia coa atención á diversidade. Os estudantes non saben expresarse, comprender, razoar ou relacionar. Canto á atención individualizada ao alumno con retrasos ou necesidades educativas especiais, a única solución eficaz é reducir o número de rapaces por aula e proporcionar máis apoios, ordinarios e de especialistas, tanto na clase como fóra dela. Fan falta máis cartos, pero seguro que chegan os que temos xestionándoos mellor.