Nin pan nin carne nin azucre

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

ISABEL FRAGA BLANCO

13 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non sabe un que facer para que non che amarguen a vida dicíndoche que non comes san. Lembro as miradas de horror das miñas colegas americanas cando me vían chaparme un magnífico T- bone steak, esas costeletas que por unha banda teñen carne de solombo e por outro de lombo. Sempre había alguén que me comentaba que estaba demostrado que comer carne vermella aumentaba notablemente o risco de ataques cardíacos, ademais de cancros de todo tipo.

Despois empezaron os ataques aos hidratos de carbono co éxito incrible do libro de David Perlmutter Cerebro de pan (Grain Brain), que eu lin morta de medo, porque non sei vivir sen pan e xa me vía vítima dun alzhéimer fulminante. Agora o entusiasmo polas súas doutrinas decaeu e as críticas multiplicáronse. De feito, Perlmutter aparece na lista negra de Quackwatch, a web fundada polo psiquiatra Stephen Barret cuxo obxectivo é «combater as fraudes, mitos, modas, falacias e condutas indebidas relacionadas coa saúde». E agora tocoulle a quenda ao azucre, culpable, en canto te pasas dos 25 gramos diarios, recomendados pola Organización Mundial da Saúde, de obesidade, diabetes e todo tipo de problemas do sistema inmune. Vai resultar que a culpa das miñas dúas gripes ao ano téñena, ai, Señor!, os touciños de ceo, os flans de ovo, a crema catalá, os tiramisús, as tortas de mazá, de chocolate, de améndoa ou as inesquecibles tortas de Mondoñedo… Recentemente, publicouse un libro titulado La vida es más dulce sin azúcar. Poida que sen azucre sexa máis sa, pero lembren a Rubén Darío: «La vida es dura, amarga y pesa». Pois sen azucre, xa nin lles digo.