Girauta e a prostitución

OPINIÓN

Fernando Sánchez | EUROPAPRESS

13 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, Juan Carlos Girauta estivo en boca de todo o mundo logo de afirmar nas súas redes sociais que existía algo así como a «prostitución exercida libremente». Concretamente dixo que se hai mulleres que deciden gañarse a vida así, pois que a el non lle parecía mal. De inmediato, milleiros de persoas de ben lanzáronse a explicarlle que non hai nin unha soa prostituída (cómpre que falemos ben: non existen prostitutas senón mulleres prostituídas) que se dedique a iso «libremente».

A cousa é sinxela: como vai ser un «traballo», permitir que te penetren por todos os teus orificios a cambio de diñeiro? Quen tal fai (fóra de casos superillados que non deixan de ser anecdóticos) faino dende a pura desesperación. Polo tanto, xa non o fai libremente.

Eu recomendaríalle a Girauta, e a calquera, a lectura da exprostituída e agora activista abolicionista Amelia Tiganus titulada Todas putas. Ela estivo atrapada nas redes da prostitución. Ela tamén pensou que facía iso «libremente». Pero non. Tardou ben de anos en entender que hai toda unha superestrutura social que atrapa as mulleres máis desfavorecidas para esnaquizar as súas vidas por mor da satisfacción sexual duns homes que non buscan, non se enganen vostedes con isto, pracer sexual, senón o exercicio do poder e a violencia. Sería menos violación unha violación se o violador ao rematar lle dá 20 euros á violada? Velaí unha das preguntas do libro.

Fai moi ben a nosa clase política en abrir o debate sobre a prostitución, porque España está considerada o paraíso das redes da prostitución mundial. É o país de Europa onde hai máis consumo de prostitución.

Moita xente non o sabe pero como moi ben explica Tiganus no seu libro, as rapazas (hai que dicir «rapazas» porque os puteiros prefírenas novas) son cambiadas e movidas a outros prostíbulos cada tres semanas, para «renovar» a mercancía porque os clientes abúrrense de ver sempre as mesmas caras.

Por outra banda, e como consecuencia do mesmo, os españois son o país de Europa no que máis homes recoñecen ter pagado por esa clase de servizos. O 39 por cento. Súmenlle a isto que hai xa estudos moi ben documentados que constatan que o consumidor de prostitución é cada vez un rapaz máis novo e que empezan a poñerse de moda as festas (de rapaces) que rematan en prostíbulos. Así pois, a rapazada normaliza a prostitución. Cando non pode ser «normal» que unha «relación sexual» (que non é tal) poida ser froito dunha transacción económica na que, por certo, case que todo o diñeiro remata nas mans dos «empresarios» para os que «traballan».