Aleluia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Martina Miser

09 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou xuño e as terrazas son unha festa. Rebumbio de ruídos e alegría. Os días estíranse coma o centeo, oscilante e fráxil, acaneado polo vento. Chegou o Juan Ramón do estanco ás oito en punto da tarde. O Mariló, tamén. O Julito do Salgueiro xa agardaba. Nada máis sentar, o do estanco comezou a rir. Contounos que a xente anda confundida. Deben ser os efectos de máis de dous anos de abafos e afogos. Ao mediodía entrou no seu establecemento unha señora madrileña. El lía o periódico na oficina. Escoitou a breve conversa entre o seu irmán Rubén, que atendía o estanco, e a clienta. Preguntou ela, literalmente: «¿Tienes Fortuna?». El contestou: «Nin un can, señora». De contado, o Rubén decatouse de que a señora estaba demandando unha marca de tabaco. Pediu desculpas. Serviuna. Cobrou. O Juan Ramón saíu da oficina. Riu. E a risa chegoulle ata as oito da tarde. O Julio quixo falar de motos e, de contado, parámolo. O día menos pensado é quen de relatar a historia completa do motociclismo, con puntos e comas. O Mariló non o permitirá. El anda co asunto dos paneis solares, do futuro, da enerxía alternativa. Todos tememos que este tema recorrente acabe como o asunto das motocicletas. É mellor cortar a tempo, non sexa que a nosa hora do relax acabe converténdose nunha clase maxistral: un día, motos; outro, placas solares. O Julito intuíu que había que falar doutra cousa. Púxose contento. Pediu unha rolda de vasos. Levantouse da cadeira. Alzou a voz: «A auga que ma quite Deus, que da boca xa ma quito eu». Tamén se levantou o Juan Ramón. Taxativo, contestou: «Aleluia!». Todos nos levantamos e repetimos a exclamación: «Aleluia, aleluia!». En xuño as terrazas son unha festa.