O medio ambiente e o futuro enteiro

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

07 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende 1973 celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, instaurado pola ONU en xuño daquel ano sen saber que pouco despois, en outubro, ía estalar a que segue sendo a peor crise do petróleo ata hoxe. A causa foi o embargo decretado polos países árabes produtores de petróleo (OPEP) contra Estados Unidos e outros países polo seu apoio a Israel na guerra do Yom Kippur. Aquela celebración non foi unha premonición, senón unha resposta á preocupación expresada pola ciencia: moitos ecólogos, químicos, economistas e historiadores chamaban xa a atención sobre os efectos da contaminación e a debilidade dunha economía baseada nunha enerxía barata e finita. Os límites do crecemento, chamóuselle xa daquela.

Case cincuenta anos despois, a guerra de Ucraína anuncia —no outono teremos noticia— outra crise enerxética de grande envergadura. Algo avanzamos neste medio século, pero moito menos do que deberamos e, como demostran os gasoductos rusos, non sempre na dirección correcta. A historia da relación entre as formas de enerxía e a humanidade é tan vella como a especie humana e moi intensa nos últimos doce mil anos. O tempo é relativo e as nosas vidas curtas. Non hai tanto que os combustibles fósiles se converteron na base enerxética determinante das nosas economías, pouco máis dun século. Un asubío. Aínda podemos mirar arredor e identificar os usos hidráulicos dos ríos, os muíños de vento da beiramar ou o interior, coñecemos as cortes nas que se facía o esterco...

E sabemos andar en bicicleta, unha máquina que naceu case á vez que o motor de explosión pero que non contamina. Unha pequena e práctica demostración da capacidade humana para emendar o desatino ambiental que se amplía moito no deseño de enerxías limpas como as eólicas, os medios de transporte eléctricos ou iso que agora chaman economía circular, que era o que facían nas casas de aldea producindo esterco e que é a base da agricultura ecolóxica. Sabemos como facelo, o conto é se queremos, aí xa entran os intereses e as identidades. O xogo de intereses non ten misterio, explica por que aínda non se xeralizou o automóbil eléctrico co que en 1975 xa se repartía o leite nos barrios de Dublín. O xogo de identidades é máis delicado e máis enganoso, por iso se escoita nas tabernas —dende as primeiras protestas antinucleares— iso de que os ecoloxistas queren que volvamos andar en zocas, alumarnos co candil e cagar na corte. Quen vai querer volver atrás?

As nosas cidades —falo das galegas— seguen cheas de furgonetas de reparto e buses contaminantes —e escasos—, seguen sen recuperar os tranvías achatarrados hai sesenta anos, os troles de hai trinta ou as lanchas —chamádelle ferris— que comunicaban as vilas e cidades das rías. Seguimos sen activar o FEVE e o tren de proximidade, e dependendo de movernos pola carísima e contaminante autoestrada. Non sei a que esperan os alcaldes, non sei que fai o Goberno da Xunta nin os partidos da oposición. Ulos os planos do futuro?