As outras excelencias

OPINIÓN

RAMON LEIRO

06 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moita xente que non entende a obsesión que hai polas notas e os valores numéricos. É o propio sistema o que instala esta competitividade entre un alumnado que ás veces loita por décimas nas que se xoga o seu propio futuro. Por iso, todos os anos os centros educativos premian a excelencia e dan as matrículas de honra ao alumnado de segundo de bacharelato que mellores notas sacou. É unha porcentaxe mínima do cinco por cento do total de matriculados, pero que, por regra xeral, non pasa da media ducia de afortunados. Normalmente, a media ten que ser de sobresaliente, superando o número nove. Hai anos en que a matrícula de honra está máis cara ca outros. Por exemplo, este ano, no centro en que traballo, a última outorgada tiña unha media de 9,3. Mesmo para isto hai que ter sorte coa xeración que che toca. Con todo, detrás de moitas notas hai fermosas historias. Lembro unha de hai uns anos cando un alumno brillante de segundo de bacharelato veu á secretaría coa intención de renunciar á súa matrícula de honra porque lla quería ceder a unha compañeira, tamén sobresaliente, que quedara fóra polos pelos. O motivo que alegaba o alumno era que el xa tiña a matrícula gratuíta na carreira por ser fillo de funcionario da universidade e, pola contra, a compañeira non. Malia que as normas non deixaron acceder á súa petición, o xesto pareceunos nobre, solidario e cargado de xenerosidade. Este tipo de actitudes tamén deberían contar para a excelencia porque non todos os camiños son iguais. O outro día tamén nos chamou a atención unha rapaza que, logo de saber que lle concederan a matrícula de honra, deu en chorar de alegría non tanto polas notas, senón porque este verán xa non terá que traballar para pagar a matrícula na universidade.