Don Juan Carlos e o avó

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

28 may 2022 . Actualizado a las 12:43 h.

Escribo baixo a emoción de asistir ao baño de masas do rei emérito en Sanxenxo. De presenza vino ben: perdeu catro papadas e xa non ten aquela cor de centolo cocido que levaba cando marchou a Abu Dabi. Nótase que a terapia árabe lle senta. O peor son as pernas, que non o levan e ten que levalas el coa axuda dos bastóns e dos amigos. Por certo, ante a discreción con que o protexen o alcalde Telmo Martín; o presidente do Club Náutico, Pedro Campos, e algún outro íntimo recordei a Tip, cómico preferido de Franco, que o convidaba á celebración do 18 de xullo coas grandes personalidades do Réxime. Na de 1970 Franco e Tip camiñaban xuntos, o cómico fala que fala e o Caudillo ri que ri, e coa risa tropezou e non caeu porque Tip o agarrou por un brazo mentres berraba: «¡Cuidado, mi sargento!». Franco, azorado, dixo en baixiño: «Sigamos».

O día 24, Fernando Salgado comparaba nun artigo o rei emérito coa bisavoa Isabel II porque os dous tiveron un enorme caudal afectivo que o pobo lles deu xenerosísimamente, e malgastárono; puxeron en perigo a monarquía e esmoreceron de saudades no exilio. É certo, pero tamén podería comparalo co avó Alfonso XIII, porque, ademais diso, os dous empezaron a reinar cheos de boas intencións e perdéronse no camiño. A véspera de ser coroado rei, aínda sen cumprir 17 anos, escribía Alfonso no diario: «En este año me encargaré de las riendas del Estado, acto de suma trascendencia tal y como están las cosas, porque de mí depende si ha de quedar en España la Monarquía borbónica o la República». E expón as reformas necesarias nun país quebrantado polas guerras; desde a social, a prol das clases necesitadas, á modernización do Exército e da Mariña; e a aplicación da lei que poña fin á corrupción de gobernadores e alcaldes. Con iso devolvería á cidadanía o amor a España e á bandeira aldraxada; pero consciente da difícil tarefa, reflexiona: «Yo puedo ser un Rey que se llene de gloria regenerando la patria, cuyo nombre pase a la Historia como recuerdo imperecedero de su reinado; pero también puedo ser un Rey que no gobierne, que sea gobernado por sus ministros y, por fin, puesto en la frontera».

Da entrega de don Juan Carlos a España e aos españois falan os seus discursos, pródigos en compromisos: «La Corona me instituye en custodio de los intereses de todos». «Los españoles siempre contaréis con el mayor y mejor hacer de la Corona».