Probabelmente vivos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

MARCO BELLO | REUTERS

27 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezanove criaturas e dúas mestras probabelmente estarían vivas se o acceso e ostentación de armas en América non fose libre. O da ostentación non é recurso literario: se se cruza vostede na rúa cun adolescente armado ata os dentes e ollos de tolo, encamiñándose a un CEIP, non se botaría riba del? Pois en Texas iso é agresión. Aínda que os ollos de tolo lograsen alertar do perigo, Rambo pode pasear alegremente pola rúa porque calquera mozo solitario ten dereito a defenderse non se sabe moi ben de que, quizais de calquera supremacista branco ou calquera psicópata, tamén armados, claro.

Probabelmente, na maior parte das casas de cada un dos nenos mortos na escola primaria Robb de Uvalde tamén houbese algún tipo de arma de lume, a xulgar polas estatísticas que indican que, a falta dun rexistro de armas nos Estados Unidos, as hai en aproximadamente a metade dos fogares de Texas. E o certo é que as probabilidades de cada un deles de morrer accidentalmente a causa desas armas no fogar, sendo menos que as de morrer nun tiroteo no colexio, son disparatadas, e apuntan a que, en realidade, as leis norteamericanas están pensadas para a conquista do Oeste, e para que uns veciños armados se defendan dos do lado, tamén armados, nunha espiral de vinganza e desconfianza que xa dura 300 anos e deu algunha das películas máis famosas da historia do cine.

Probabelmente nuns meses, semanas quizais, ou con sorte anos, volveremos espertar co mesmo retrouso de familias desesperadas, escolares chorando, e o presidente da Asociación do Rifle en quenda falando de liberdade coma se non soubésemos que, en fin, a verdadeira liberdade e ir á escola sen que perigue a túa vida.

Probabelmente, se non nacesen nun país onde o diñeiro importa máis que os nenos, vivirían.