As tres horas da dixestión

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Miguel Osés | EFE

25 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A proba do moito que mudou o mundo é que cando eu era un cativo, meu pai obrigábame a agardar tres horas, tres!, de dixestión antes de deixarme meter na auga. Aquelas tres horas eran longas coma tres séculos e, por suposto, preguntaba cada pouco se xa me podía bañar. Hoxe, deixamos que a cativada se meta na auga cando lle pete. Sabemos que o das tres horas é un mito. E, con máis cabeciña, só lles dicimos que non o fagan de súpeto.

Como cambiou o mundo.

A proba do moito que mudou é que antes todos os cativos tiñamos problemas de caries. A case que todo o mundo da miña xeración nos falta algunha moa. A min, cando me doían, a miña nai dábame augardente. Talmente. Augardente para que o botase sobre a moa que doía, e así, dicía ela, «a moa quede durmida». Eu remataba tragando o augardente e daquela quen ficaba durmido era eu. Hoxe, a nosa cativada ten continuas revisións e toda clase de ferramentas para sorrir cun branco de anuncio televisivo.

Como cambiou o mundo.

A proba do moito que mudou o mundo é que, cando eu era pequeno e comezaba iso que chamaron «Transición» (e que algún día haberá que revisar, non si?, que de modélica, con perspectiva histórica, entendemos que non tivo nada), toda a sociedade estaba enchoupada de política, todo o mundo tiña claro que se adiviñaban no horizonte tempos novos e que, daquela, había que comprometerse e actuar. Meu pai contaba que cando eu tiña 10 anos lle fixera unha pregunta a un señor que pegaba carteis na porta do mercado, sobre se o Partido Socialista que el anunciaba era «o auténtico ou o refundado». Estou certo de que nin sequera eu entendía a pregunta. Pero algo oíra e por iso soltei iso que, de certo, espantaría ao pobre señor que, moi probablemente, tampouco coñecía a resposta.