Pobre mundo rico

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

OPINIÓN

María Pedreda

23 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano a ONU publica o Informe Mundial da Felicidade. Nel, un mapamundi amosa os estados sinalando en verde o seu índice global de felicidade. En 2020, España ascendeu do posto 27 (entre 157) ao 24. Somos verdes (felices).

Leo neste xornal que no mesmo ano pandémico os suicidios en España medraron ata alcanzar unha morte cada dúas horas, récord histórico nesta triste táboa na que Galicia e Asturias despuntan con cifras particularmente altas.

Reviso outro mapa. Ilustra os suicidios por países, en gama vermella. A máis intensidade, maior taxa. Rechama o contraste entre ambos mapas. Os máis verdes no primeiro son os máis vermellos no segundo.

Penso en Bután. Ese estado que hai xa cincuenta anos cambiou a medición do PIB pola do FNB (Felicidade Nacional Bruta) e pregunta á cidadanía cada vinte catro meses se «ultimamente perdeu tempo de sono polas preocupacións». Descubro que a ONU propúxose no 2014 seguir o modelo de Bután, mais non o está a facer e segue a tomar como indicadores o PIB, o apoio social, a esperanza de anos de vida saudable, a liberdade para tomar decisións vitais, a xenerosidade e a percepción da corrupción. Indicadores que, observo, semellan subxectivos. Ten sentido. Falan de emocións como felicidade ou tristeza. Non o son o PIB nin a esperanza de vida, datos obxectivos. Mais a segunda entra na subxectividade cando se lle engade «saudable».

Conclúo que algo fondo, estrutural, propicia o contraste entre os meus dous mapas: é o nesgo da propia ONU no enfoque da enquisa. Os conceptos escollidos para establecer o grado de felicidade responden a criterios máis relacionados co sistema capitalista e a globalización, coa cobertura das necesidades básicas, que coas emocións verdadeiras e o grao de satisfacción coa vida propia. Se cadra, non é posible medir algo tan intanxible como a felicidade e conviría falarmos de satisfacción, tanto das necesidades básicas como dos anhelos, para entender por que tanta xente nos países felices decide rematar o seu sufrimento poñendo fin á súa vida. Estou certa de que ter o control reprodutivo dos nosos corpos, saír e entrar libremente no noso país ou contar cun sistema social son elementos imprescindibles para sentírmonos felices. Mais tamén afirmo que a vida neste sistema competitivo, estresado e estresante —onde o triunfo social pasa polo éxito profesional e os logros dependen da acumulación material, onde o consumo de ansiolíticos é antidepresivos é o pan de cada día, onde durmir pouco e o cansanzo crónico son méritos—-, é un factor de infelicidade que nin sequera á ONU lle convén introducir nesta enquisa global, porque demostraría a febleza e violencia do statu quo. Opino que eses desexos e obxectivos creados polo sistema e a publicidade son o principal indutor da infelicidade por insatisfacción de anhelos (ou porque os anhelos son errados), do sufrimento e da tristeza neste noso pobre mundo rico do hemisferio norte do globo.