Lex ou sentidiño

Xoán Miguel Castro AO DÍA

OPINIÓN

SPUTNIK | REUTERS

23 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tendo unha amigábel discusión con un compañeiro empresario, chamoume a atención un razoamento del, que non se me ocorrera antes. «O sentido común está antes que a lei, ¿non é?» Dicía cheo de razón, con algo na boca como o puro de aquelas caricaturas de Castelao. E quedeime matinando —sobre o sentido común e a lei, ou a lex que xa vén de antigo. ¿E non será que a lei fai falta porque cada un ten un sentido común diferente? Como as opinións, cadaquén ten a súa.

  O imperio da lei, é un concepto fundamental nos Estados de dereito, os nosos veciños do norte de Europa están obsesionados con iso. O imperio da lei sobre todas as cosas é o que fai que ate o rei (emeritus ou ignominiosus, segundo se vexa) teña que render contas perante un tribunal... ou, no seu defecto, saír correndo do país. Sen o reinado absoluto da lei, no noso sistema poden aparecer autarcas. Nese caso o sentido común desa persoa forte, tipo Putin, se virá máis importante que a lei mesma. O que el pensa, el dita, o que el dita é lei... e ¡pobre quen pense ou diga o contrario!

 O caso é que o noso sistema legal e a nosa sociedade civil democrática occidental non é ideal. Certo. E aínda ten que chegar un sistema mellor que tal vez todos pensemos xuntos, pero mentres tanto prefiro atender ao imperio da lei, ou regnum legis, en vez de me someter ao capricho da autarquía.

 Leva moito tempo edificar as institucións que manteñan ese imperio da lei. E precisa de actos diarios para continuar apuntalando e fortalecendo esas institucións, ofrendas de confianza na ara da lei. Mais levamos anos de erosión da orde legal a todos os niveis, tanto nacional como internacional. Internacionalmente de facto nunca se conseguiu fraguar un sistema legal unido. A ONU e outros organismos como a Corte Internacional de Xustiza carecen de apoio e sometemento necesario de todas as nacións.

Entón, o sentido común de cada estado e os seus intereses diversos priman, e non habendo un lugar recoñecido para salvar esas disputas chégase á violencia e a guerra.

E esa erosión do principio do imperio da lei chega aquí tamén. As crises económicas, a pandemia, o medo... comezamos a permutar os nosos dereitos por seguranza, por tranquilidade, por non loitar... e esa erosión paulatina pero constante dos dereitos gañados no pasado pode acabar nun buraco escuro e profundo, do que non poidamos saír.

Mentres facía a miña apaixonada defensa, o meu estimado empresario asentía coa cabeza. Ollaba para min, e logo ollaba lonxe. Continuaba asentindo tomando os meus argumentos e seguindo o meu fío. Parecía que quería concordar. Cando acabei, ollou para min de novo e falou con zuna: «¿Sabes? Vai ser que non. Prefiro o meu sentidiño». Levantouse, deulle unha arroutada e foise a invadir algún lugar.