Xestionar as ausencias

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son practicamente incapaz de xestionar as ausencias. Teño a sensación de que o fago ao límite, por pura supervivencia. Quizais este sexa o único xeito de enfrontarse á cuestión, non sei, quizais só o sentimos así os que habitamos no apego.

Non ten nada que ver con vivir ou relacionarse na distancia, refírome á verdadeira ausencia, o «non-estar» baixo ningún concepto. Tamén por iso me remoen, conmoven e revolven todos os casos de desaparicións sen resolver, todas as dúbidas e silencios que provocan, toda a incerteza que espallan, coma unha poalla de inseguridade que se incrusta na medula para nunca máis marchar.

Hai que ser moi valentes para superar un golpe así. Tamén para dalo. As forzas que moven os fíos da cabeza son descomunais. Soportalas pode ser insufrible. É tan fácil xulgar... e tan difícil querer comprender... Non hai outra razón máis cá comodidade para decantarnos polo primeiro esquecendo o segundo. Que gran erro!

Non podo facerme unha idea da presión que debe apertar un peito e a sensación de afogo constante que desemboquen na decisión de desaparecer.

Impresióname máis aínda se é unha cativa quen o decide. Leo a nova no xornal e non deixan de martelarme dúas palabras: dez anos. Dez anos. Dez anos. E marchou. Deixou unha nota e marchou.

Non hai outro desexo maior que o de atopala, mais tamén debemos pensar no despois, en querer coñecer e comprender as causas que a levaron a tal decisión. Esta sociedade ten fame de empatía. Remediémolo, pois é absolutamente necesario.