A saúde do galego: isto non vai ben

Fernando Salgado
Fernando Salgado LA QUILLA

OPINIÓN

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha lingua non é só un sistema de comunicación. Se así fora, eu estaría defendendo aquí o idioma único e universal: creado no laboratorio como o esperanto ou concedéndolle o monopolio ao inglés. Unha lingua é, sobre todo, a expresión dunha cultura: unha maneira específica de estar e de interpretar o mundo. Perder o galego, dixo unha profesora no periódico, é como tirar a catedral de Santiago. A analoxía quédase curta: perder o galego supón estragar todo iso que nos singulariza como pobo. A nosa identidade, amputada polo rebolo uniformizador do castelán.

Temos dúas linguas e iso xera un problema de convivencia lingüística. Negalo non axuda a resolvelo. O chamado bilingüismo harmónico, ou «bilingüismo cordial» en palabras de Núñez Feijoo, non existe. O concepto só serve para manter e reforzar a preeminencia do castelán. Non existen comunidades bilingües, afirmaban os primeiros sociolingüistas: sempre existirá un idioma predominante, unha lingua A e unha lingua B, en relación diglósica, con distinto prestixio e que se empregan en circunstancias diferentes. O que si pode haber son persoas bilingües, capaces non só de comunicarse con fluidez en dous ou máis idiomas, senón que o seu grado de instalación nas dúas linguas sexa idéntico. Xa que logo, a preservación dunha lingua B require o apoio decidido dos poderes públicos. Unha política lingüística discriminatoria a prol da lingua en peor situación.

Isto non vai ben. «O galego estásenos escorrendo entre os dedos», dixo o profesor Henrique Monteagudo. A democracia abriulle as portas da escola e das institucións e agora, a cada paso máis, os pais deixan de falarlles en galego aos fillos. E os que o fan atópanse cun segundo paradoxo: os máis cativos perden en quince días de escola a lingua que mamaron na casa. Na última década agrandouse a porcentaxe de rapaces que nunca falan en galego: de 29 a 44 de cada cen. Achicouse a presenza do galego nas aulas e o castelán, percibido como o idioma do éxito, é a lingua ambiental fóra delas. Algo estamos a facer mal. Iso cre o Consello de Europa que, nun informe de 2019, instaba á Xunta a emendar a súa política lingüística.

Mentres tanto, o Supremo obriga á Generalitat a impartir o 25 % das clases en castelán. Á marxe de que non podo entender que fan os xuíces fixando porcentaxes —por que non o 18 % ou o 32 %?—, a sentenza produce envexa. Aplíquena en Galicia, señores maxistrados: obriguen á Xunta a impartir en galego o 75 % das materias. Aquí, as cousas sonlles ben distintas. No 2008, como resultado do programa voluntario de inmersión lingüística, 14 de cada cen alumnos recibían todas as clases en galego. Chegou Feijoo, mandou parar —decreto de plurilingüismo do ano 2010— e proscribiu o uso do galego en materias «serias» como matemáticas ou física. Remataba a despótica e arbitraria imposición do galego, comezaba a era do bilingüismo cordial. No 2018 só un de cada cen escolares galegos cursou todas as materias en galego. Definitivamente, isto non vai ben.