O dereito ao aborto e a liberdade de non abortar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu era adolescente, o franquismo morría e a democracia avanzaba, a posibilidade de que o dereito ao aborto se conseguise era concibida como unha marca de garantía de liberdade e de homologación da democracia española aos estándares europeos. Moita máis garantía, hai que lembralo, que a legalización do Partido Comunista, pois, aínda que hoxe a épica do relato político o conte doutra forma, era o dereito ao aborto defendido polo movemento feminista o que concitaba as preocupacións dos sectores sociais máis amplos e, sobre todo, dos sectores mozos que estaban chamados a construír o futuro. En moitas aulas dos centros de educación públicos ou laicos debatíase aquel delicado asunto, abeirado por profesorado novo ou a instancias das estudantes, desde pouco despois do ditador finar. Os debates chegaban tamén aos patios dos colexios relixiosos. Como o termo aborto aínda era tabú, o seu tratamento amparábase no concepto máis amplo e eufemístico de planificación familiar. Nas asociacións de veciños e ateneos, e en canto se puido en programas de televisión moi seguidos como La Clave (1979). Nos grupos de rapaces e rapazas falábase do asunto, máis aínda porque os preñes non desexados eran naqueles tempos de desinformación e tabús moi frecuentes.

Os termos do debate eran os mesmos que hoxe, niso nada cambiou e por iso algúns definimos daquela unha posición que seguimos a manter, ligada aos dereitos democráticos, ás liberdades civís e á libre decisión das mulleres. A regulación da libre interrupción do embarazo —que diso se trata o asunto— deféndese con argumentos de humanidade para coas mulleres que non queren, non poden ou non deben continuar coa súa preñez. E con argumentos de saúde pública, sabendo que, no pasado como no presente, prohibir o aborto pon en risco a milleiros de mulleres, pero especialmente as menos informadas e as das clases máis desfavorecidas. Con argumentos de equidade e lembrando como viaxar a Londres a abortar en condicións médicas axeitadas, a Portugal en condicións de semiclandestinidade ou abortar en Galicia en condicións clandestinas e de risco, eran as opcións que tiñan —se podían escoller— centos de mulleres nos anos setenta e oitenta.

Fronte a este dereito das mulleres, hoxe recoñecido polos poderes públicos, o argumento en contra baséase adoito en crenzas e consideracións sobre a orixe da vida de carácter relixioso. A pretensión de non recoñecer a liberdade de exercer ese dereito a quen así o decida, fundaméntase na vontade de impor ás demais mulleres unhas crenzas que non teñen por que compartir. Por iso se trata de un asunto de puro exercicio de liberdade, por iso é unha batalla que vai máis alá da dereita e a esquerda, por iso é unha proba incontrovertible do estado dunha democracia. Por iso en 1976 era para nós moito máis decisivo que a legalización do PC. Un asunto no que xogan a liberdade, a igualdade e a fraternidade dos homes coas mulleres e unha medida do estado das democracias.