Sempre desexando Galicia

Sara Pérez Peral
Sara Pérez LIÑA ABERTA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

16 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Florencio Delgado Gurriarán ninguén lle puxo as cousas fáciles. Non tivo unha vida tranquila, cómoda, nun lugar que de certo se prestaba para iso, como o podía ser o Córgomo de inicios do século XX. Rodeado de vides, montañas e a un paso do río Sil, ese era o seu hábitat. Foi o neno da casa, o pequeno de cinco irmáns, que con tan só seis anos emprendeu, claro que sen sabelo, a que sería a viaxe da súa vida: Ourense, Valladolid, Palencia, Madrid, Porto, Bordeos, París, Barcelona, Veracruz, Guadalaxara e Fair Oaks. Pero o que si que tivo foi sorte: coa familia que lle tocou —que o agasallou con ese primeiro contacto coas letras, en galego— e coa que tempo despois formou, xa asentado en México, coa súa namorada, Celia Teijeiro. Din os seus fillos e netos que Florencio era un home moi alegre, bailarín e cantareiro, que se espertaba cada día cunha canción nova que cantaruxar, que os afeccionou á lectura, ese gran salvavidas para el xunto coa súa pluma —a súa mellor ferramenta—, e que, aínda cun océano mediante, foi quen de compartir con eles un anaco de Galicia. Mantívoa presente, como ben puido. Desexándoa sempre.

Dicía a historiadora Dolores Pla, autora dunha das entrevistas de maior interese que se lle realizaron ao poeta valdeorrés, que era unha persoa de trato suave que ás veces parecía algo tímido, e apuntaba: «Me recibió siempre de manera muy amable, pero el problema central que tuve con él fue que sentía que, como no había tenido una vida heroica o demasiado espectacular, carecía de importancia lo que me pudiera relatar. Cada vez que había oportunidad me sugería que entrevistara a tal o cual persona que estaba más autorizada que él para hablar de determinado asunto». Así era o Florencio que homenaxeamos este 17 de maio. Aínda logo dun compromiso incuestionable con Galicia e coa lingua, sempre traballando a prol da súa defensa, e dunha vida totalmente condicionada por ter que fuxir dunha guerra que perseguía a persoas coma el, cuns ideais que outros non podían soportar, aínda logo diso non se vangloriaba de nada. Como se non fose consciente do que significara o seu traballo. Humildade.

Mañá, no Día das Letras, La Voz ofrece aos seus lectores a un Florencio humano, culto, sensible, alegre e comprometido nunha biografía que asino, e que para min foi un regalo. Como o de Córgomo, máis figuras sobranceiras e quizais non tan coñecidas chegarán nos próximos anos, e será o noso deber recoñecer e celebrar o labor que fixeron pensando nos que virían, que hoxe somos todos nós.