Vixiar o contrario

OPINIÓN

David Zorrakino | EUROPAPRESS

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Certo que o independentismo e o Goberno de Pedro Sánchez teñen unha relación de comenencia propiciada pola distribución de forzas parlamentarias que forman parte dun xogo democrático que, aínda que renxa na dereita, non ten ningún matiz de ilegalidade. Iso si, como adoita ser normal neste tipo de relacións impostas pola necesidade ou o interese político, sempre falta a parte máis importante que é o amor. E por moito que a lei e un xuíz poidan garantir a invasión privada da intimidade do independentismo, teño para min que esta espionaxe contén características semellantes ás dun rapaz celoso que, por inseguridade e desconfianza, anda a fedellar no teléfono da súa moza convertendo a súa relación en algo tóxico e perigoso. E do mesmo xeito que isto se castiga coa lei, o abuso de poder por parte de quen manda e manexa os servizos de intelixencia secretos deberían ter unha regulación moito máis estrita para evitar que se guiche no íntimo do contrario, da oposición ou de quen lle pete. Non quero nin imaxinar estas ferramentas en mans de xente como Macarena Olona que, logo do acontecido, aínda pedía espiar máis, algo que fixo que eu lembrase, por un momento, a película de Wim Wenders The End of Violence, onde se descobre un sistema de vixilancia e seguridade en Los Ángeles, dotado de armas de largo alcance para que o vixilante poida ver, xulgar, sentenciar e eliminar o infractor no mesmo momento en que vai cometer o delito; un proceso que, evidentemente, sería rápido e reduciría todos os tempos que pode levar un xuízo. Por sorte, só se trata dunha ficción, pero, coidado, a reflexión de Wenders pon medo. Por iso, convirían moitas máis explicacións por parte do Goberno, aínda a risco de que roden cabezas e a relación de comenencia estoupe polos aires.