Pontón e o amor

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo, nun encontro de Ana Pontón con escritoras, sorprendinme por oíla falar de amor. Non lembro as palabras exactas, pero alí onde nós estabamos centradas en manter alto o pavillón do noso estilo para políticas en activo —queixarnos de todo—, ela dixo que había que facer política con amor. Non o dixo no ton moralizante cristián habitual nos políticos dos oitenta, nin tampouco no estilo machoexplicador co que os dirixentes culturais adoitan darnos leccións ás que levamos vivindo disto bastante máis tempo ca eles; nin sequera iso do amor viña polos efectos curativos da nosa literatura. En realidade, Pontón falaba en serio de que hai un obxectivo ético da política, unha fórmula que aproveita a nosa parva tendencia a votar coas emocións para xerar, polo menos, unha forma mellor de relacionarnos. Obviamente, detrás desa idea está unha visión feminista da política, esa que case ninguén entende pero que as mulleres collemos axiña, afeitas como estamos a xestionar o mundo sabendo que nos usurpan o poder pero que igualmente podemos facer cousas.

Pensaba, despois daquilo, que debe de ser moi difícil ser Pontón e sosterse falando de amor e intelixencia alí onde proliferan garrulos e machirulos, movéndose con leis da física contrarias e falando linguas distintas. En fin: que é difícil facer política desde ser muller e non morrer no intento.

Pontón, creo, non falou de amor na sesión de investidura, pero a súa simple presenza na tribuna causa ese efecto. É unha labazada a todo o que representa aquel candidato gris e esoutro opositor azul escuro, homes con política vella que apela ás estúpidas emocións, si, pero sen emocionar nin, moito menos, pensar.

Por certo, moi temidos foron todos os líderes da Historia que falaron do amor. Pero gañaron.