O lobo ao coidado do rabaño

Verónica Marcos Arrojo PRESIDENTA DE FADEMUR-GALICIA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Parlamento de Galicia tivo a oportunidade de poñerse á cabeza na defensa dos dereitos das mulleres vítimas de violencia machista. Porén, nunha reviravolta incomprensible, o PP votou en contra dunha iniciativa apoiada por PSdeG e BNG. A ningunha persoa sensata se lle ocorrería deixar o lobo ao coidado do rabaño. Como a ninguén cabal lle pasaría pola cabeza permitir que unha persoa con antecedentes por pedofilia accedese a un posto de traballo con menores, menos aínda dende a esfera do emprego público. Esa lóxica non está a aplicarse no eido da xustiza relacionada cos casos de violencia machista, onde as administracións están a desenvolver un papel máis que cuestionable permitindo un baleiro legal que dá lugar a situacións anómalas, e que de ningún xeito deberan ter cabida.

Dende Fademur-Galicia temos detectado casos de avogados condenados por violencia de xénero traballando na defensa de mulleres vítimas dende a quenda de oficio especializada neste tipo de delitos. Unha situación que a todas luces atenta contra o dereito desas mulleres a unha defensa de calidade, xusta e empática; e que ningunha administración debera tolerar.

Igual que no caso dos profesionais que traballan con menores, Fademur-Galicia leva ano e medio solicitando que se recolla como requisito específico para os profesionais que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado, e que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. Tamén vemos necesario que nestes casos sexa un mesmo letrado quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que evitaría a revictimización das mulleres e aumentaría o seu marco de protección e seguridade. Dirección Xeral de Xustiza, Valedora do Pobo, Defensor del Pueblo, grupos políticos… Xa tocamos todas as portas. E, aínda que ata hoxe non atopamos quen nos quitara razón, seguimos agardando.

Á espera de que o ministerio regule o extremo que nos ocupa, Galicia ten a posibilidade de tomar a iniciativa. A nosa comunidade conta con competencias en xustiza que lle permitirían impulsar normativa específica neste eido. Unha posibilidade que suporía ir un paso por diante, e que evidenciaría o compromiso da Administración autonómica coa loita contra a violencia de xénero. É sinxelo e é posible. E agardamos que quen se ten oposto a facelo realidade recapacite e saiba antepoñer o interese xeral a cuestións partidistas que de ningún xeito poden primar sobre os dereitos das vítimas desta terrible eiva.