Pseudoterapias: todo pola pasta

Begoña Graña Suárez ONCÓLOGA DA ÁREA SANITARIA A CORUÑA -CEE

OPINIÓN

No disponible

09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado martes a doutora Arroyo, responsable do Observatorio contras las Pseudociencias y Pseudoterapias de la Organización Médica Colegial (OPPISS), deu unha ilustrativa conferencia na Domus dirixida ó publico xeral, sobre os perigos de falsas terapias (cada vez máis estendidas pola difusión en redes sociais) que poden inducir a que se retrasen ou directamente se abandonen terapias que si se teñen confirmado efectivas por prácticas que inda non demostraron o seu valor terapéutico.

Na rolda de preguntas posterior foi evidente que existe un gran descoñecemento por parte da cidadanía do que é o método científico, dos estritos pasos (observación, xeración de hipóteses, experimentación, análise de resultados, conclusións e publicación das mesmas) que se deben seguir para confirmar que un novo tratamento é efectivo e aplicable ós doentes de xeito xeneralizado. O método científico, por definición, foxe da opinión individual non contrastada na que se basean as pseudociencias e pseudoterapias.

Na miña práctica diaria como oncóloga médica confirmo que cada vez atendo máis pacientes que buscan refuxio nas pseudoterapias, mais teño que facer autocrítica. Na gran maioría dos casos trátanse de persoas con enfermidades moi avanzadas, que non teñen cura e nas que progresivamente imos esgotando tratamentos ata achegarnos ó momento no que a ciencia e o coñecemento médico contrastado non teñen máis que ofrecer para prolongar a vida. Mirar a un paciente aos ollos (e aos dos seus familiares ) e dicirlle que non hai máis tratamentos oncolóxicos é sempre moi difícil. Nese tempo tan complicado de final de vida debemos acompañar, non abandonar a esa persoa e o seu entorno máis próximo. Cando reviso as webs de clínicas de «oncoloxía holística», «medicina integrativa»..., onde falan das virtudes de terapias de nula evidencia científica, non teño dúbida de que se de algo se preocupan é dos coidados e da atención personalizada dun paciente moi vulnerable e disposto a crer e pagar por calquera alternativa que lle ofreza un mínimo de esperanza, inda que sexa falsa. Debemos ser críticos e asegurarnos de que na nosa práctica diaria coma médicos que seguimos a evidencia científica non esquecemos os coidados e a compaixón polos pacientes que sofren, do contrario xa non seriamos sanitarios senón meros técnicos dunha medicina deshumanizada, cómplices dos que sacan rédito das pseudoterapias.