A mafia de cacería

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Rodrigo Jiménez | EFE

04 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Rubiales, cando saltou o escándalo dos audios, o de Piqué empresario, dixo que todo era unha cuestión relacionada cunha mafia contra el. Almeida, o alcalde de Madrid, cando se destapou o das comisións, a estafa, a vergonza esa dos que se enriquecían mentres a xente morría, dixo que todo respondía a unha cacería contra el. Mariano Rajoy, cando o da Gürtel, dixo que era todo un plan para acabar co PP. Federico Trillo, cando o de Bárcenas, dixo que todo era cuestión da policía de Rubalcaba, que o odiaba. O ex ministro Fernández Díaz, cando o da «policía patriótica» se destapou, apresurouse a dicir que era todo unha montaxe dos medios de comunicación da esquerda, que ían contra el. Cando a fiscalía británica decidiu que é competente para xulgar ao rei emérito porque alí non goza de inmunidade, hai quen dixo que todo respondía a unha cuestión de «vinganza». Cando a Cifuentes lle sacaron o vídeo roubando cremas no súper, ao tempo das dúbidas sobre o máster, ela mesmo insistiu en que era todo unha manobra escura para que non seguise máis tempo no poder.

Mafias, cacerías, complots, movementos ocultos de organizacións clandestinas que, dende dentro do máis dentro dos sumidoiros de quen sabe que ou onde, se confabulan para acabar con alguén. Sempre é así e sempre é o primeiro que repiten. Eles, responsabilidade, ningunha. Eles, culpa, ningunha. É que alguén os quere mal. Curiosamente, nin vostede que me le, nin eu, poderiamos facer tal lectura se nos aparece unha paralela de Facenda ou unha orde de embargo por, eu que sei, deixar sen pagar o imposto de circulación por un despiste. Proben vostedes a dicirlle ao policía que lle trae a notificación que vostede é inocente, que todo se debe a unha mafia que quere facer coa súa cabeza e coa súa carteira unha cacería. A ver que pasa.

Neste país, onde un Luis Medina non perde a súa condición de marqués ou duque ou do que sexa que é, malia ser «un pillo» (Feijoo dixit); onde un Luceño ou un primo ou un irmán de quen sexa vai gañar moitos máis cartos ca ti cos teus estudos e másteres e noites de estudo e exames aprobados, neste país, tes moitas posibilidades de que a xustiza te meta nun problema a nada que te despistes. A ti si. A eles non. A eles nunca. Incluso aínda que sexan condenados, aínda que haxa mil evidencias, a eles nunca lles pasará nada. Ou cando menos, esa é a sensación maioritaria que ten a xente que anda pola rúa, agora sen tapabocas, agora, pois, boquiabertos diante de tanta desvergonza.