A empurróns

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Angel Díaz

04 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xogan nun terreo perfectamente limitado. Son pequenos e o espazo do que dispoñen, tamén. Nesa superficie argallan varias zonas de xogo diferentes.

Gústame velos, coa súa diminuta independencia, do outro lado do recinto escolar no que están.

De súpeto, resoa unha voz: Pasaxeiros ao tren! E a cativada deixa os paus, as pedras, a carreira ou o que sexa que estean a facer para formar en ringleira. Non hai orde preestablecida. O primeiro que chega, vai á cabeza. Ás veces, algún deles intenta avanzar postos, porque preceder sempre gusta. Non se producen leas. Pode ser que lle permitan avanzar, ou que lle pidan que volva ao seu posto, mais non xorden grandes conflitos.

Daquela, a formación comeza a sacudir os pés contra o chan porque van entrar de novo á escola e intentan non lixar moito.

Só queda recoller as pezas de abrigo e as mochilas e marchar.

Son nenos e nenas de tres anos, dándonos leccións de civismo. Gardan unha orde relativa, respéctanse entre eles, saben facer grupo.

Se a cativada así é quen de comportarse sen andar a empurróns, quizais non sexa tan difícil. Por iso non entendo por que hai políticos que, para sacar as incomodidades das costas, se dedican a propinar empuxóns a xornalistas ou sindicalistas.

A súa responsabilidade, como cargos públicos, é atender a sociedade, dar resposta aos problemas presentados, non sacudilos e sacudir a quen os presentan.

Se non queren escoitar poden tapar os oídos, aínda que o mellor sería que buscasen solucións para non ter nada que lles dicir.