O ADN censor que levamos dentro

Olegario Sampedro DECOTÍO

OPINIÓN

03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidimos en labores e colleita: docencia do 64. A providencia, tan republicana, estimou que nacese nun recuncho da India onde, ata o de agora, desfrutaba sosegado coa vida e coa escrita. A pesar de ser un autor cunha obra e traxectoria relativamente doadas de rastrexar, ocultarei a súa identidade respectando a súa decisión de non ser revelada en modo ningún.

Posiblemente nunca, e nada, sabería da súa existencia se non fose porque o prisma da luz que lle dispensou o azar mentres escribía a súa última novela resultou infausta. O perverso fado decidiu que unha paraxe natural onde dispuxo o argumento desa obra fose considerada sacra para unha facción relixiosa hinduísta. Segundo esta, un escenario santo non podía conter a mácula de ser morada dunha trama literaria e, polo tanto, mundana.

Un tribunal relixioso tribal, unilateralmente, ditaminou que o escritor incorrera en herexía. Foi condenado. Todos os seus libros pasaron a ser considerados corpus delicti e, sen excepcións, deberían ser queimados publicamente na súa presenza; tiña que renegar de todo o escrito e mesmo asinar un suicidio literario, isto é, un compromiso formal de non volver escribir, nin publicar, ningún texto no que lle restase de vida.