As campás mudas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son da Costa da Morte, aí teño as miñas raíces. As lembranzas máis felices da nenez acontecen aí. Son diversas en forma e contido. Se busco unha temperatura, podería ser fría ou cálida, sempre temperada. Pesan tanto a humidade como a seca. Nos olores, está o pan de molete, a empanada de mazá, os salseiros, o argazo. Nas texturas, as engurras do avó, as codias das árbores, a carne da cereixa, a sutileza do vento. Entre os sons mestúranse as gargalladas, os cantos dos paxaros, o roncar do mar ou as campás.

O das campás era un auténtico espectáculo. Polo toque, sabiamos quen tocaba e que dicía. Se tocaba misa, funeral, houbera un novo pasamento ou se estaba a arder o monte. Tamén se había outra desgraza: un afogado, un accidente.

Podo escoitar, na miña memoria, aínda ese son. E o do meu corazón latexando mentres miraba pola ventá por se vía as lapas do lume ameazándonos. Os veciños comezaban a correr pola rúa abaixo, cargados de caldeiros, ou con angustia, cando se descoñecía a causa do toque.

Eses sons xa non volven, como a infancia. Agora as campás non se tocan. Convertéronse en dispositivos dixitais que dan os avisos polos altofalantes. Non é o único que enmudece. Xa non se escoitan os carros dos bois (as miñas fillas non os viron), nin as ovellas, nin as cornas dos faros nin case as vacas. E iso tamén é parte da nosa identidade.

Moitas veces temo esquecer a voz do meu avó, ou da miña madriña. Preciso pechar os ollos para recuperalas. Que pasará cando esquezamos as campás?