Catro con nove

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

27 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son desas que todo o conta, desde as patacas no prato ata os caracteres desta columna. Ata aquí, cento vinte e sete. Conto bolis nun bote e baldosas cando me aburro e multiplico para adormecer. Confeso que, ás veces, fago ecuacións por diversión.

Cando a miña clase quedou penúltima no rally matemático, Menchu, a mellor profa de mates que hai, non quixo darnos a nosa puntuación exacta. Só dixo que participar naquel concurso friqui nos convertera en sobresalientes, que non había cifra que contase o aprendido naquelas tardes de adestramento fóra de horario. A recompensa foi aquela frase: sodes persoas sobresalientes. Se eramos así, quen podía pararnos? A min, concretamente, un profesor que, poñendo unha morea de exercicios por exame, aumentaba exponencialmente a probabilidade de fallar. Ser perfectos é imposíbel, dicía. Oito con tres. Nove con setenta e cinco. Sete con un. Deixei as matemáticas polo grego clásico, moito máis útil.

Así foi, amigo conselleiro, como perdestes a Emmy Noether galega. E como persoa con, aínda, certa autoritas acreditada polos meus deces ininterrompidos ata a desgraza, asegúrolle que os números non miden. Como moito, contan, e sobre todo, expresan. Desde a perspectiva numérica, é absurdo usar as notas como esforcímetro, dígollo desde o agarimo que nos une tras tantas misivas, pois estaba orgulloso hai uns días de, así, «medir o esforzo» na educación galega, e esquecía que cada décima garda, na súa fermosura, a memoria de bolígrafos esgotados, catarros mal curados, moscas que pasan, ou castigos, moitos castigos.