Existen a Xeografía e a Historia de Galicia?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MARTINA MISER

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha distinción clásica entre pobos con historia e pobos sen historia. Situar a Galicia como pobo sen historia é o que parece pretender a proposta de currículo para bacharelato feita pública recentemente, na que se substitúe a materia optativa de Xeografía e Historia de Galicia por unha denominada Patrimonio e Sociedade de Galicia. Ou sexa, que na ampla marxe da libre configuración autonómica, a Xunta propón substituír unha cativa materia optativa de dúas horas de Xeografía e Historia do país, xa reducida á metade no 2015, por estoutra insubstancial. Enténdese que un grupo de docentes de bacharelato iniciara de contado unha recolleita de sinaturas que en menos de 24 horas superou as mil. Cómpre explicar por que tantos asinamos.

Cando Domingo Fontán publicou (1834) o primeiro mapa moderno, escolleu o territorio de Galicia para representalo. Foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios españois con métodos científicos e medicións matemáticas. Existe un coñecemento xeográfico e historiográfico académico, construído ao longo dos últimos tres séculos, sobre un territorio denominado Gallaecia por Roma, cun pasado que identificamos como definido e que nos identifica no presente.

Un dos últimos premios Fernández Latorre, o meu prezado Miguel Anxo Murado, comeza a súa Outra idea de Galicia sinalando a diferenza xeolóxica que soporta este territorio. Como xornalista e historiador, explica o que o xeógrafo Pérez Alberti, o investigador que mellor estudou e coñece as paisaxes, ten analizado en centos de publicacións e agora nunha segunda tese de doutoramento que lle ocupa a xubilación. Folga referirnos a Otero Pedrayo, ás súas obras dos anos vinte e aqueloutras que fixo xa como catedrático da Universidade de Santiago, cando a ditadura non puido pecharlle máis o paso.

Dende que Verea e Aguiar publica a súa Historia de Galicia (1838) ata que os profesores Barreiro e Villares editan a súa para La Voz de Galicia (2007) sucédense investigacións e publicacións que xa arrincaran cos ilustrados. Existe un territorio denominado Galicia e unha disciplina académica, a xeografía, que o estuda, como existe un pasado do territorio de Gallaecia transformado no Reino de Galicia que vén dar no que hoxe é a Galicia autónoma, e tamén unha disciplina académica, a historia, que o estuda.

Eliminar a materia de Xeografía e Historia, que inclúe a Historia da Arte, cun soporte de coñecemento e conceptual ben definido e asentado en catro graos con varias materias apelidadas de Galicia, por outra chamada Patrimonio e Sociedade de Galicia non resiste o debate público e académico. Facelo no ano en que os estudos universitarios de historia celebran o seu centenario en Galicia mesmo parece unha broma para a Facultade de Xeografía, Historia e Arte de Santiago e a de Historia de Ourense, e para os seus departamentos.