Drácula en África

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

ROGAN WARD | REUTERS

25 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña infancia Drácula era un ghicho, como dicimos os de Vigo, con cara de enfermo que, en realidade, daba moi pouco medo. Ademais, en todas as películas morría. Ao moi parvo sempre o pillaban durmindo no ataúde, langrán, mentres lle cravaban unha estaca de madeira no corazón. Un aburrimento. Nin sequera o Drácula de Coppola me fixo apreciar máis un personaxe que, agora, grazas ao libro de Luise White, titulado Speaking with vampires. Rumor and History in Colonial Africa, xa me cae mellor, porque, como a autora explica, os vampiros só existían en Europa ata que os europeos, e sobre todo o sistema de produción europeo, o capitalismo, chegou a África. Igual que non se ven ovnis ata que aparece a aviación, igual que a Santa Compaña desaparece cando Fenosa electrifica o rural, foi chegar o capitalismo a África e comezar a aparecer vampiros.

No seu detallado estudo, a historiadora, que coñece ben o idioma suahili, descobre que os termos que se usan para referirse aos vampiros remiten directamente aos novos traballos e aos novos horarios que os brancos impoñen aos nativos para poder sobrevivir. Literalmente: Drácula é capitalista. Literalmente: o capitalismo chucha o sangue dos traballadores. Literalmente: o capitalismo é un morcego insaciable que, en canto te despistas, crávache os cairos na xugular e non te solta ata que morres. Xa o dixera Marx: «O capital é traballo morto que, coma un vampiro, vive só de chuchar traballo vivo e, canto máis vive, máis traballo chucha». Escribiu iso en O Capital, case que ao mesmo tempo en que as potencias europeas desembarcaban en África para civilizalas e traelas á modernidade. É curioso, non me digan que non, que os brancos cheguen alí con toda a súa tecnoloxía, ollando por riba do ombreiro, e, acto seguido, os nativos comecen a ver a Drácula por todas partes. O Señor do Mal era ese novo xeito de vida que ía, como aínda padecen, esfarelar o seu continente para sempre. Aí seguen. Aí continúan. Drácula aínda non os soltou.

Sempre poderemos pedirlle a historiadores futuristas que maxinen como podería ter evoluído o continente africano de non ter ido o Conde Drácula alí a acelerarlles, ou ralentizarlles, para sempre a historia. Por iso eu, cando vou aos institutos dar conferencias á rapazada, sempre lles digo que non falen de «países pobres», senón de «países empobrecidos». África enteira está así porque Drácula leva chuchándolles o sangue 300 anos. E cando xa non lles quede nada, seguirá chuchando. Porque o capitalismo só sabe chuchar ata que te converte nun vampiro chuchador a ti tamén.