Confinados

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Miguel Villar

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo no Día do Libro, rodeado de libros, nunha biblioteca familiar que fomos construíndo durante anos e que, visitada no seu conxunto, vén ser a crónica dunha vida. Autores e títulos ordenados por temas responden a distintos momentos das nosas biografías, etapas distintas das nosas vidas, lealdades e curiosidades que nos acompañan e ás veces rexorden, como redescubrimentos inesperados. Pasoume hai meses durante as semanas de confinamento, cando todos ficamos recluídos nas casas por causa da pandemia. Daquela tiven ocasión de ordenar e, en parte, expurgar libros que foron crecendo connosco e que nalgúns casos mesmo nos transportan á infancia, como esa edición de El Quijote, revirichada e sen pastas, que o noso avó nos abrigaba a ler nas tardes dos domingos, ou os catro volumes de El don apacible de Mijail Sholojov, na edición da colección Reno (Plaza&Janés), que o meu pai puxo a carón da miña cama, con trece anos, durante unha longa convalecencia de febres paratíficas. O meu avó era garda civil e tiña una devoción case fetichista pola lectura, aínda que no seu caso reducida ao libro de Cervantes, tratados de ortografía española e o Diario de Pontevedra, no que repasaba ata os anuncios. Na miña casa non había moitos libros, pero o meu pai gustaba das grandes historias. Os catro volumes de Sholojov son a apopea do pobo cosaco dende a Primeira Gran Guerra á revolución bolchevique.

Levo case quince días outra vez cerrado na casa por causa da covid, que segue aquí, por máis que xa non estea na primeira páxina dos informativos, e outra vez os libros viñeron no meu auxilio, case que como na adolescencia. Vellos compañeiros que nunca decepcionan. Nestes días perdín ocasión de acompañar os amigos da Fundación Penzol, que inauguraron en Vigo una mostra dos seus fondos dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, ou de participar na xornada do Abril Oteriano en Trasalba, na memoria do noso histórico patriarca. Tampouco puiden asistir á recuperación dun dos libros máis interesantes, intensos e ambiciosos da ensaística galega do pasado século: Paseata arredor da morte, de Domingo García-Sabell, que Galaxia reeditou estes días cun magnífico limiar de Siro.

Pero prendín no libro de García-Sabell, sen dúbida un dos ensaístas máis importantes da segunda metade do pasado século, membro do grupo que editorial Galaxia organizaba nos anos 50 e 60 na procura dunha nova linguaxe e novos xéneros para o galego: o pensamento fundamentalmente (Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega, Rof Carballo, Fernández del Riego, Ramón Piñeiro). A Paseata é o derradeiro libro de García-Sabell (1999), que ademais tiven a honra de promover na súa edición en castelán (Alianza Editorial): un libro certamente senlleiro no que o autor, dende a antropoloxía e dende a súa experiencia como médico, afronta esa derradeira fronteira, que é o derradeiro misterio da vida.