Ramón Castromil, empresario de compromiso ético e galeguista

Xosé González Martínez PRESIDENTE DO FORO E. PEINADOR

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fóisenos camiño do alén Ramón Castromil. Ao fío do sentimento de tristura que me provocou o seu pasamento, despois de ter intimado con el durante moitos anos, teño que recoñecer que foi unha regalía que me deu a vida e tamén unha oportunidade que busquei á mantenta, porque sabía que nel había esencia para reedificar un discurso galeguista innovador que tiña antecedentes históricos. Con Castromil recollemos o fío dese galeguismo empresarial que empezara con Enrique Peinador Lines no primeiro terzo do século XX e que continuara Antonio Fernández López —Zeltia, fundamentalmente— nos anos corenta ata ben entrada a década dos setenta. Precisamente este ano celebramos o 70 aniversario da edición monolingüe do Almanaque Agrícola ZZ, sen antecedentes na publicidade comercial na historia da lingua galega. Coa Empresa Castromil tiramos daqueles fíos e ensaiamos un novo intento de galeguismo empresarial que resultou exitoso. E nese modelo seguimos inspirándonos. Loxicamente, coas innovacións que as circunstancias requiren en cadanseu tempo. O importante foi que Ramón Castromil aportou ao mundo empresarial valores éticos pouco comúns e unha decisión resolta de integrarse na comunidade cultural na que desenvolveu as súas actividades a empresa de transporte público Castromil, que vertebrou en boa parte o territorio das dúas provincias atlánticas.

Gardarei para sempre na miña memoria como o coñecín e naceu entre nós a complicidade necesaria para artellar un discurso de galeguismo empresarial. Todo empezou cando a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística decidiu buscar un novo modelo para xestionar a galeguización de Galicia. Acudimos a un común amigo para pedirlle que nos amañase un contacto con el. Convideino a xantar para expoñerlle polo miúdo o proxecto novo de galeguizar o mundo empresarial. Escoitoume con atención coa súa maneira tan peculiar sen dar chío. Chegado o tempo do café, pregunteille que lle parecía a proposta, e a resposta foi moi elocuente: é a primeira vez que me falan disto!

En menos de seis meses, a empresa Castromil pasou a ser un exemplo de galeguismo: puxémoslles nomes de personaxes históricos e literarios aos autobuses; editamos a colección Contos do Castromil (medio millar de exemplares); os monitores de televisión de abordo deixaron de reproducir películas que substituímos por documentais para a divulgación do patrimonio monumental e paisaxístico de Galicia, e apagáronse as emisións de radio para emitir cintas magnetofónicas de música ambiental grata para os viaxeiros. Ao tempo, galeguizouse toda a empresa: nóminas, convenio colectivo, billetes dos pasaxeiros e a utilización da lingua galega nas relacións escritas coas administracións públicas. Todo isto en seis meses.

Moncho, como así gustaba que lle chamase amosándome cercanía e fraternal amizade, é o continuador, formando trepia cos tamén empresarios Enrique Peinador Lines e Antonio Fernández López, que terman dun discurso galeguista en constante formación, que ten como obxectivo o diálogo da empresa e a identidade, que hoxe xestiona con habelencia e imaxinación o Foro E. Peinador. Todos os tres pertencentes a períodos históricos distintos pero cun denominador común: procurarlle á lingua galega un horizonte moito máis amplo e diverso. A presenza da lingua galega na publicidade, etiquetaxe de produtos e nos recoñecementos dos dereitos lingüísticos dos traballadores e usuarios, son os resultados dese pensamento galeguista que teñen nas marcas comerciais constante aumento numérico, e nunha entidade financeira os mellores aliados.