Un mundo feliz, sen guerras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

OLEG PETRASYUK | EFE

19 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pídeno o papa e os pacifistas. E nós todos, non si? Ese era case o mundo que tiñamos na nosa contorna. Un mundo no que os militares falaban de estratexias xeopolíticas e modelos tácticos para evitar a confrontación directa. Había moitas guerras arredor de nós e mesmo soldados do Exército español participando nelas como forzas de intermediación e non só.

De súpeto a guerra chegou ás nosas vidas, non directamente, pero si en case todos os efectos colaterais de quen a vive dende a mesma economía e o mesmo continente. Chegou tamén formando dous bandos como en todas as guerras que tocan a un. Como houbo aliadófilos e xermanófilos na Primeira Guerra Mundial —na Segunda aquí non estaba permitido— ou castristas e anticastristas cando a revolución cubana. Os golpistas do 36 comezaron asasinando a eito, como xeito máis rápido de delimitar dous bandos onde había dúas ducias de partidos; aínda así levoulles tres anos, varias Gernikas e non pararon de fusilar cando empezou a Segunda Mundial porque os franquistas —e os demais— sabían cal era o seu bando. Para traballar a paz non pode sernos allea a memoria da guerra, pois cando chega mesmo o xesto do papa de xuntar unha ucraína e unha rusa en Roma a algúns parécelles traizón.

Unha vez comezada a guerra, entre os que a libran xa non hai máis intermediarios que eles mesmos. Os de fóra dan tabaco, como no xogo do tute, que neste caso son armas. Pero nós aínda estamos fóra e non perdemos a capacidade de pensar e empatizar. A invasión de Ucraína por parte de Rusia foi un acto deliberado de guerra sen desculpa posible, dende os dereitos das nacións á libre determinación e dende os principios das relacións internacionais. A empatía popular con Ucraína é inevitable, por riba de calquera amarelismo informativo. Todo isto co permiso dunha xornalista que seica exhibe a súa ignorante equidistancia franquista sobre o bombardeo de Gernika polos platós de televisión, e dese sector que Santiago Alba Rico denomina estalibán e que —a diferenza del— teño apuros para situar no arco político.

Para entender o mundo en que entramos, que xa non é o que criamos coñecer, e para traballar por un futuro democrático e pacífico, reproduciría enteiro un magnífico artigo de Alba Rico sobre Ucraína e a esquerda. No canto de plaxialo recollerei varias citas: hai un remol soviético na rebeldía antisistema de certa esquerda igual que hai outro de nostalxia franquista na ídem de certa dereita. Descobre moito elitismo nesta esquerda estalibán que gusta de ter razón contra o sentido común e contra o común dos mortais, cegos e mansos. Algúns derreten na historia e nas «estruturas» a decisión de Putin de invadir un país soberano e xerar milleiros de mortos e millóns de refuxiados. Remato co seu dilema de filósofo: o belicismo debería estar limitado pola necesidade de evitar a internacionalización do conflito e unha guerra nuclear; o pacifismo, pola necesidade de afirmar a xustiza e o dereito internacional.