Aprender do periodismo

Celso Currás
Celso currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Santi M. Amil

14 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe estanse a facer 40 anos da chegada ás aulas do suplemento La Voz de la Escuela. Boa nova a daquel mércores primaveral de 1982 para moitos docentes que estabamos a traballar no achegamento do xornal ás clases e que por fin podiamos acceder a unha práctica guía de prensa e ficheiro de noticias. O periódico elaborado nos propios centros educativos xa era tradición, pero non así a integración da prensa na aula, que pasaba a ser un complemento ideal para o libro de texto, ao posibilitar o tratamento da noticia de xeito transversal a varias materias, en especial ás do ámbito das ciencias sociais.

Nunha Galicia que iniciaba a súa andaina democrática e asumía ese mesmo ano as competencias plenas en educación, os alumnos aprendían a ler o xornal, tomando conciencia do importante que é ter información plural que facilite a formación de criterio propio fronte á manipulación e o gregarismo. O programa prensa-escola vén contribuíndo tamén de xeito moi activo a desenvolver nos estudantes competencias como a social e cidadá, a dixital, a de tratamento da información ou a de aprender a aprender.

A introdución da linguaxe periodística na programación didáctica presta un apoio especial ao currículo escolar, mediante o fomento de técnicas de estudo e de traballo intelectual. Potencia unha boa expresión escrita, cun estilo correcto, claro e conciso. O alumno debe facer comprensible un texto, procurando ademais a economía de caracteres, a sinxeleza e mesmo a beleza. Competencias como a redacción, ortografía ou capacidade de síntese resultarán básicas ao longo da súa vida académica.