O mediador

Inma López Silva
Inma lópez Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Europa Press Reportajes | EUROPAPRESS

13 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que teñen os aristócratas para que, sabendo como sabemos que son educados para manteren liñaxes de preguiceiros, nos provoquen esta perversa admiración? Será que o ¡Hola! lles ri a graza, amosándonos esas luxosas casas que, polo que parece, custan uns millóns de euros que, grampados no pergameo do título nobiliario, copulan e se reproducen para que eles poidan dedicarse profesionalmente á lacazanería.

Luis Medina, alguén que, nese mundo de herdanzas e liñaxes, lograra a difícil tarefa de non parecer fillo do seu pai (un duque condenado por abuso sexual a menores), non ía ser menos. Sendo tan guapo coma iletrado, o seu lugar no mundo non era, nin moito menos, manchar as mans traballando. Como a súa estirpe indica, posúe os escrúpulos imprescindíbeis para facer coma quen que é un traballo quedar con seis millóns de euros por atopar quen lle vendese ao Concello de Madrid tapabocas, luvas e tests no peor da pandemia. Enriba, todo era defectuoso. Porque só unha cousa pode manchar as pálidas mans dun aristócrata: as comisións. Para iso, montan empresas que se imitan ás da xente que si traballa, pero en realidade son só un fume que paga as facturas diso ao que dedican desde que se erguen ao mediodía: ser curmáns, amigos ou cuñados de alguén. Eles chámano «ser mediador», e é así como lle dan uso ao seu paso por colexios (privados), onde tampouco é que logren destacar por nada máis cás fotos das súas casas.

Mentres a xente morría a ducias e vostede se pechara sen saber se sobreviviría, algúns estaban utilizando ese privilexio franquista que tan ben soubo alimentar a Transición, para sacar tallada: «O normal», declarou Medina ao fiscal, crendo que, na consideración de grande de España, vai incluído o dereito de tomarnos por imbéciles. Pode que si.