A incoherencia do BNG con Ucraína

Francisco Millán Mon EURODEPUTADO DO PARTIDO POPULAR

OPINIÓN

R.Rubio.POOL | EUROPAPRESS

13 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na sesión conxunta das Cortes da pasada semana, o deputado do BNG foi un dos poucos que se negou a aplaudir ao presidente da Ucraína, Volodímir Zelenski. Este xesto é particularmente criticable nas presentes circunstancias, pero non resulta sorprendente. Lembremos que o Bloque emitira un comunicado sobre a situación en Ucraína no que conseguira referirse á agresión da Rusia de Putin sen mencionar nin unha soa vez nin á agresión, nin a Rusia, nin a Putin. Grazas a un maxistral manexo da elipse, despois da lectura do texto cabería pensar que Ucraína está a ser invadida polos alieníxenas.

O comunicado recorda a outro recente alehop retórico do BNG, tras o que xa non se define como «independentista» senón como «soberanista». Un non alcanza a entender a diferenza, pero o que si queda claro é que o soberanismo do Bloque non serve para defender a soberanía e a integridade territorial de Ucraína. Resulta que unha potencia nuclear con ambicións imperiais coloniza un territorio veciño para utilizalo como colchón militar e os soberanistas galegos alíñanse co agresor. Galiza ceibe, Ucraína sometida?

O Bloque e outros esquecen que non houbo maior «proceso de liberación nacional» nas últimas décadas que a emancipación da órbita soviética dos países do centro e o leste de Europa e a súa integración na Unión Europea e na OTAN. O seu anti-atlantismo xustifícao todo, mesmo branquear a responsabilidade do Kremlin.