Atención primaria, política secundaria

Julio Torrado PORTAVOZ DE SANIDADE DO GRUPO PSDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

CAP SARRIÀ | EUROPAPRESS

13 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A atención primaria do sistema sanitario público foi un éxito colectivo no deseño e no desenvolvemento, que fructificou nos anos 80 e 90 grazas a unha xenial xeración profesional e de xestores que incorporaron aquel espírito dunha sanidade para toda a poboación, con perspectiva de saúde comunitaria e con proxección de ensinanza dunha vida máis saudable. Citaba Rudolf Virchow xa no século XIX que «a medicina é unha ciencia social». Probablemente a atención primaria ten boa parte de ese espírito, pola súa capilaridade que permite achegarse ás realidades e contextos máis concretos e persoais que determinan, claro que determinan!, a nosa saúde.

Galicia está no epicentro destes problemas, tanto de modelo como de recursos. O modelo está hoxe forzado ata o límite, obrigando aos médicos a ser pasantes de pacientes. Tratan de sacar a flote un sistema absolutamente médico-centrista, ineficiente por saturación e que parece seguir asumindo o xa desfasado concepto de porta de entrada da sanidade. Debemos ampliar a mirada de profesións que conforman a primaria, que non debe xestionarse como unha irmá menor do sistema como ocorreu cando foi apartada dos equipos de dirección dende 2012, senón como unha ferramenta de resolución áxil e visión comunitaria moito máis ampla que un médico cun fonendo. A saúde mental debe xogar un papel chave en conexión cos centros de primaria, a enfermería debe ser aproveitada en todas as súas capacidades reais, os centros de saúde deben ter equipamentos que eviten derivar e saturar as urxencias hospitalarias e debemos permitir aos médicos facer clínica, non obrigalos a ser o home/a muller-orquestra.

Non aparecen solucións se non hai aposta polo persoal, o ben máis prezado do sistema hoxe, exhausto por unha ineficiente política de recursos humanos.

Na última década, Galicia renunciou a formar un acumulado de 151 profesionais MIR de especialidade de familia e comunitaria, nun sistema que viña predicindo a actual escaseza dende hai tempo. Por que? Ninguén explica. Ademais, as políticas de recortes reduciron o plantel de persoal de primaria en 976 prazas dende 2009, como consta nos orzamentos oficiais. Temos menos volume de enfermeiras que a media de España, e o mesmo sucede en matronas. Máis do 10 % das prazas de pediatría están sen cubrir por un especialista, cando Asturias ou Cantabria non chegan ao 3 %. Pódese discutir o relato, pero non a realidade.

A atención primaria ten un potencial inmenso que debe localizala no centro real do sistema sanitario público. Pero para iso fai falta tomar decisións e centrar os esforzos en resolver os problemas, non en buscar culpables. Fai falta política de primeira.