Patrimonio nacional

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

10 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise da Casa de Galicia de Montevideo volve poñer de actualidade unha cuestión da que temos falado moitas veces: o presente e, sobre todo, o futuro do patrimonio da Galicia exterior, a memoria dos nosos avós no mundo, esa Galicia infinda da que falaba Florencio Delgado Gurriarán, quen tamén formou parte dela. «Imposible entender Arxentina sen os galegos», escribiu Antonio Pérez Prado (Los gallegos y Buenos Aires, 1973). Cando no ano 2001 fixemos un reconto das sociedades galegas activas espalladas polo mundo (Galicia, unha luz no Atlántico, Xerais) contabilizamos arredor de 250 entidades, coas súas instalacións inmobiliarias, o seu patrimonio material e inmaterial, a súa memoria histórica, servizos sociais, publicacións, bibliotecas, arquivos, fondos de arte.., dende Montreal a Ushuaia, na punta máis austral do continente; dende Copenhague, no norte de Europa, a Sidnei e Nairobi, no hemisferio sur, sen contar as casas e centros de Galicia na península ibérica.

 Dende o século XVIII andan os galegos organizando sociedades para seguir vivos no mundo, algunhas cunha significación moi especial. O Centro Galego de Montevideo, por exemplo, é a institución en activo mais antiga de cantas existen na actualidade, creada en 1879. A Casa de Galicia nesa mesma capital, ameazada agora de desaparición, é posterior (1917). A grandeza do edificio do Centro Galego da Habana dá conta do que significou a nosa emigración nos derradeiros anos do século XIX e nos primeiros do XX.

Logo colleron máis pulo as repúblicas do sur: Arxentina e Uruguai, sobre todo. Só na cidade de Buenos Aires contamos a finais do pasado século 36 asociacións galegas e outras seis na cidade veciña de Avellaneda.

Nos salóns de moitas destas institucións hai obras de arte de autores moi coñecidos (Seoane, Laxeiro, Castelao, Colmeiro, Soutomaior, Díaz Pardo, Asorey, Arturo Souto), unhas doadas e outras mercadas; hai documentos valiosos que son parte moi importante da nosa memoria; edificios e soares moi relevantes.

Cando en 2019 se expuxo no museo do Gaiás o cadro de Castelo A derradeira lección do mestre, que se custodia no Centro Galicia de Buenos Aires, abriuse un debate sobre o destino que debería ter ese cadro, a súa volta ou non volta á capital arxentina. Outrosí sucedeu con algúns arquivos.

A quen corresponden eses bens patrimoniais? En primeiro lugar, aos seus propietarios, que son as institucións ou particulares que os crearon, adquiriron ou custodian. Algo teñen que dicir. En segundo termo, á Galicia que os reclama e os considera parte da súa memoria.

Mais cos mesmos dereitos están as nacións que acolleron e deron vida ás nosas xentes (Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba, México, Brasil), na medida en que a actividade dos nosos avós (e dos seus descendentes) forma parte tamén da súa historia. Cuestión de estado a tratar en serio, non mirar para outro lado agardando que o tempo acabe por derramalo todo.