Eu non vou coa selección de fútbol no Mundial

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Kai Pfaffenbach | REUTERS

08 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu non vou coa selección española no Mundial de Catar. Non podo. De feito, non vou con ningunha. Iría coa selección española se os futbolistas se plantasen e dixesen: por ética, por responsabilidade, por educar ás novas xeracións, que nos imitan en todo, negámonos a participar nun Mundial de fútbol onde os estadios foron feitos a correr por traballadores inmigrantes en situación de escravitude. Porque para que os de Luis Enrique paseen o seu talento futbolístico por alí tiveron que morrer, segundo un traballo de investigación de The Guardian, 6.500 persoas. Lean a cifra de novo e a modo. Todas esas persoas. Case que todas, inmigrantes da India, Paquistán, Nepal, Bangladesh e Sri Lanka. Xornadas inhumanas baixo o sol do deserto, inacabables, que os mataban «por morte natural», como din moitos dos informes das autoridades catarís cando se produce un falecemento. Idéntico ao que lle pasaba aos recolectores negros do algodón durante a época da escravitude. En efecto, se traballas quince horas baixo dun sol de 45 graos, o natural é que morras. O Mundial de fútbol edifícase sobre un enorme cemiterio humano. Non, sobre un enorme cemiterio inhumano.

Amnistía Internacional, que algo disto sabe, entregou hai nada un informe no que non dubidou en cualificar aos traballadores de «escravos». Moitos deles tiveron que pagar unha media de 4.000 dólares aos seus «axentes de contratación» para conseguir o traballo. Moitos deles aínda non cobraron os seus xornais.

Súmenlle a isto que en Catar, a onde irán, seguro, el rei de España e o presidente do Goberno, e tantas e tantos mandatarios mundiais, as mulleres están discriminadas por lei. Ademais de pola tradición e o costume, están discriminadas por lei. Non gozan dos mesmos dereitos que os homes. De feito, é dubidoso que se lles poida considerar persoas libres. Legalmente, todas están tuteladas por un varón, o seu marido se o teñen, senón, pai, tío, avó, irmán. Por un home. Son consideradas, de facto, menores de idade ou idiotas. Xa non contamos como está a poboación LGTBIQ, aínda máis perseguida, encarcerada, masacrada. Pero nada, iremos alí, porque fútbol é fútbol, o negocio é o negocio e do que se trata é de que ao final os nosos gañen. Non pasa nada porque no parlamento do país (só pode votar unha parte ínfima da poboación) non haxa nin unha soa muller. Nin unha. Non pasa nada porque non exista o dereito á liberdade de expresión. Distintos observatorios sobre este asunto teñen constatado a «desaparición forzosa» de toda canta voz crítica ten o valor de alzala para denunciar o terrible da situación na que malvive o país.

Non, eu non vou coa selección española de fútbol no mundial de Catar. Non podo.