A atrocidade petando á porta

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Natxo Francés | EFE

06 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensamos que o horror está a miles de quilómetros, no medio dunha guerra. Non nos equivocamos, mais tamén pode chamar á porta en calquera intre. Faino da maneira máis atroz, cebándose nos máis vulnerables.

Veño de saber que un pai asasinou o seu fillo, xusto na fin de semana na que debían celebrar o aniversario do cativo. Xusto cando a nai permite que se vexan, porque un pequeno non debera medrar sen o agarimo dos seus.

En agradecemento, asasinouno.

Non quero saber detalles, non quero. Gustaríame afastar esta traxedia do meu pensamento e crer que foi un pesadelo. Horrendo, mais pesadelo. Pero non podo, porque unha sombra paira na miña cabeza. A da incomprensión e a fonda tristura.

Segue parecéndome inexplicable que poidan producirse este tipo de actos. Os fillos non son da nosa propiedade, nin moito menos se asemellan a obxectos. Non podemos convertelos xamais en moeda de cambio, nin na frecha coa que lanzar o odio ao outro.

Facerlle dano é sinxelamente antinatural. Mais isto non fai desaparecer o problema. Non é o primeiro caso. Oxalá fose o último.

Que tipo de guerra interna pode estar librando unha persoa para cometer un acto deste calibre?

Non ten explicación, pero acontece. E isto non é máis que unha manifestación de que os menores están desprotexidos.

Necesitamos defender os máis vulnerables. Sei que é unha tarefa difícil e complexa, pero cada vez que se produce algo así, cambaléanse todos os cimentos da vida, do mundo.

A atrocidade non ten nin fronteiras nin límites.