A teoría do «Heartland» e a xeopolítica de Ucraína

Gaspar Méndez PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA EN EL IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

ANATOLY MALTSEV | Efe

04 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sir Halford Mackinder está considerado como un dos pais da xeopolítica. Na súa obra On the Scope and Methods of Geography (1887), e especialmente no provocativo ensaio The Geographical Pivot of History, vai dando corpo á súa teoría do Corazón da Terra (Heartland), que podemos expresar de forma moi resumida na súa sentencia: «Quen controle Europa do Leste dominará o Pivote do Mundo, quen controle o Pivote do Mundo dominará a Illa Mundo, quen domine a Illa Mundo dominará o mundo».

Aparte de académico, Mackinder tamén foi membro do Parlamento británico e, en 1919, foi nomeado alto comisionado británico para o sur de Rusia. Como tal negociou co xeneral Denikin as condicións da axuda británica aos exércitos brancos a cambio da independencia de Ucraína.

Como recolle Aleksandr Duguin no seu libro A xeopolítica de Rusia, Mackinder buscaba a desmembración de Rusia en varios estados, xa que prevía que «antes ou despois a Rusia soviética acabaría por transformarse nun poderoso Estado continental telurocrático», segundo a terminoloxía do propio Mackinder.

Os bolxeviques gañaron a guerra, e a URSS a Segunda Guerra Mundial, estendendo aínda máis a súa zona de influencia, ata Centroeuropa.

O proxecto de Mackinder fracasou, pero as súas teorías foron herdadas polas seguintes xeracións de xeopolíticos anglosaxóns, e retomadas por Zbigniew Brzezinski, o coñecido conselleiro de seguridade nacional do presidente Jimmy Carter. Mantivéronse á espera da súa oportunidade, que chegou, primeiro coa disolución do Pacto de Varsovia e finalmente coa desmembración da Unión Soviética en 1991.

Nese glorioso «final da historia» que proclamaba Francis Fukuyama, e seguindo a Duguin, a Occidente (a talasocracia de Mackinder) non lle chegaba con desmembrar a Unión Soviética, senón que o intentou tamén coa propia Federación de Rusia nun dos puntos que máis preocupaban a Mackinder: o Cáucaso. Foron precisamente os conflitos do Cáucaso en Chechenia e Daghestán os que propiciaron o xurdimento dun novo liderado, personificado en Vladimir Putin, que pretendía, e pretende, o renacer de Rusia.

E foron os Estados Unidos e máis a Unión Europea os que iniciaron o que Pedro Baños chama o «cerco de Rusia», co obxectivo de relegar a Rusia a un papel de potencia rexional e impedir que se volva a converter nunha gran potencia. Segundo este autor, isto levouse a cabo a través da «otanización do seu antigo espazo imperial-soviético, así como o fomento dos conflitos identitarios no Cáucaso e en Asia Central».

Trinta anos despois da disolución da Unión Soviética, todos coñecemos a onde nos levaron unhas teorías xeopolíticas formuladas hai xa cento trinta anos. Teorías que non só son aplicadas en Occidente, senón que tamén son recollidas por Aleksandr Duguin na súa obra antes citada; e non debemos esquecer que Duguin é coñecido como «o Rasputín de Putin».

O propio ministro ruso de exteriores, Sergei Lavrov, chegou a manifestar que «Occidente non quería unha cooperación igualitaria» e, como agora podemos ver, mantívose fiel á ‘vontade e testamento' de Zbigniew Brzezinski, quen dixo que non se debe permitir que Ucraína se poña ao lado de Rusia. Con Ucraína, Rusia é unha gran potencia, mentres que sen Ucraína, é un actor rexional. Entendemos que isto é unha mera esaxeración. Pero axústase, con todo, á filosofía e a mentalidade dos líderes occidentais».

Ucraína, como nos lembraba o xeneral De Ayala Marín, significa fronteira; e estas terras de fronteira historicamente sempre levaron as de perder nas confrontacións entre os grandes imperios.

A cuestión que nos xurde aquí é se todo este conflito non estará baseado nunhas concepcións xeopolíticas erradas ou, cando menos, anticuadas. O que non prevía Mackinder, e parece que hoxe tampouco se acerta a ver, é que ese «Pivote Xeográfico do Mundo» hai uns anos que se desprazou un pouco máis ao sur das estepas siberianas, e que o verdadeiro Corazón da Terra está agora nos dominios de Pequín, a primeira potencia económica mundial: o verdadeiro inimigo a bater.