Coma se nada

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Marcos Míguez

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cancro nunca se vai. Por moito que che dean a alta, que xa non sexas considerado un enfermo, continuarás sendo paciente. Hai múltiples cicatrices lembrando que, unha vez que aparece, o cancro non xamais vai marchar de todo. Hai revisións, coidados... medo e secuelas físicas e psicolóxicas.

Iso sábeo quen pasou polo proceso e o círculo máis próximo. Pero... tamén os alleos. Leo a entrevista dunha muller nova que quere reincorporarse ao mundo laboral despois de superar a travesía desta enfermidade. Non amosa a cara, non quere que a recoñezan. No seu currículo e entrevistas omite a palabra cancro. En canto o saiban, está convencida de que quen a analice comezará a pensar na posible debilidade física, nas citas médicas ás que terá que acudir para revisións, nunha posible reaparición do maldito cancro...

É certo. O cancro non pasa coma se nada. Por iso sabemos que non podemos reincorporar aos doentes do mesmo obviándoo. Mais tampouco debera supoñer unha preocupación máis, como leo na devandita entrevista. Por que non nos fixamos na fortaleza que posúen estas persoas, nos inxentes esforzos que son capaces de facer, no espírito de superación?

A actitude debera ser a de tenderlles a man, non a de engadirlles obstáculos ao seu camiño. Laura ten que sentirse orgullosa do seu valor, da súa fortaleza. Pero na entrevista aparece de costas, porque non quere dar máis datos, o que quere é atopar un traballo novo. Antes tiña un, que marchou co cancro. Porque si, tamén leva iso por diante.