Ucraína quere paz, máis UE e menos OTAN

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

GIUSEPPE LAMI | Efe

29 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén a queren os europeos e os pobos que sofren a guerra en Siria ou o Sáhara. Pouca dúbida queda diso despois dun mes de guerra e tres millóns de refuxiadas con nenos. As guerras son definidas de moitas formas estes días. O relevante das guerras despois de Bismarck (1815-1898) e Clausewitz (1780-1831) é que están destinadas a crear dous bandos irreconciliables onde non había tal. O ministro prusiano provocou e gañou tres, a última contra Francia co engado dun simple telegrama. O obxectivo era facer unha Alemaña unificada que chamou Segundo Reich. Previamente o historiador militar prusiano teorizara o sentido político da guerra moderna.

En España, o golpe duns poucos militares admiradores dos prusianos provocou a Guerra Civil: lograron converter un parlamento con 27 partidos en dous bandos e a quen buscaron solucións negociadas o SIM golpista perseguiunos dende o principio co alcume da terceira España. Só podía haber dúas, a auténtica e a anti.

Por todo isto asombra —mete medo— o belicismo que vai arrebolándose na contorna. Hai unha regra de ouro despois de Bismarck: o incremento do gasto militar (investir en defensa é un eufemismo) sempre foi preludio de guerra. Outro alemán recriado en Estados Unidos, chamado H. Kissinger (1923), con fama de saber máis que ninguén das guerras do século XX, escribiu no 2014, prevendo o que agora está facendo Rusia, que Europa tiña que facer máis UE e menos OTAN. A súa razón é histórica e política, a súa preferencia pola paz é máis crible por ser responsable de moitas guerras recentes.