Nin de esquerdas nin de dereitas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Carlos Castro

28 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ñiñiñiñi», é o que nos sae ás feministas a modo de resposta contra as falacias coma esta pendurada da viseira dun camión: «Nin de esquerdas nin de dereitas, somos os de abaixo que vimos sacar aos de arriba». Demasiado totalitarismo concentrado nunha saba. Ata non hai tanto, «antisistema» reservábase para a rapazada tatuada e con rastas que, fascinada coa lectura de Trotski, boicoteaba reunións de mandatarios, tomaba cidades, e armaba batallas coas «forzas da orde» que, por definición, pedían guerra. Os antisistema eran, ante todo, protestóns utópicos que non facían mal a ninguén que non o merecese un pouco.

Pero que pasou para que á rapazada da secundaria lle mole o nazismo en vez de Bakunin? Que pasou para que o «antisistema» de agora sexa un pequeno-empresario a bordo dun camión? Pois pasou que toleramos aos totalitarios. Os transportistas teñen razón nas súas reivindicacións. Pero é tolerábel un camioneiro que cre que, por non chegar a fin de mes, ten dereito a desfacer o que eu votei? Ese non é un antisistema nin alguén en apuros, senón un totalitario arrogante, por pensar que nos vai salvar dun desastre global facendo dimitir un ministro.

Por certo, eu tampouco chego a fin de mes, pero non preciso que me salven así.

Ai, a ignorancia!

Os antisistema que foron comigo á universidade eran cultísimos. Algún está no cárcere, porque un estudante loitando contra o capital, polo visto, é máis perigoso que seis tipos facendo que podreza na lonxa o peixe que trouxeron os que rescataron os superviventes do noso peor naufraxio.

Os meus antisistema xamais prexudicaron a un pobre. E non eran autónomos.

Unha addenda ao artigo: Vladímir Putin é un totalitario de libro que fala de si mesmo como antisistema.