Máis patrimonio, menos monumento

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O monumento, na súa etimoloxía, evoca o pasado, é conmemorativo e suscita unha reverencia que impide velo con ollos críticos. Patrimonio é unha noción máis moderna, refírese ao legado duns bens que hai que valorar e protexer do paso do tempo que os envellece, da erosión dos elementos externos e tamén da degradación polos usos e abusos a que os sometemos.

Unha visión contemporánea destas dúas ideas require un exercicio intelectual e divulgativo permanentemente actualizado e non inmobilizado por un exceso de disposicións administrativas, cartas e catálogos que, sen pretendelo, fan perder o contexto. Restaurar o patrimonio non é só unha materia de expertos; é unha cuestión de alcance filosófico, si, pero resulta doada de comprender se consideramos que, como a vida mesma, se enfronta ao tránsito entre o pasado, o presente e o futuro.

A sociedade necesita que lle conten a verdade e, neste caso, trátase de facer explícitas as implicacións de todo tipo que require manter vivo o patrimonio, as dificultades e desafíos económicos e técnicos que hai que afrontar con pragmatismo, e transmitir a necesidade de buscar a ponderación entre a rendibilidade e o beneficio cultural colectivo. Lévase feito un labor importante desde a esfera das Administracións, pero segue acontecendo que moitos titulares de bens patrimoniais experimentan a catalogación como un lastre máis ca unha vantaxe. Isto aínda está sen explicar.

Hai que implicar a sociedade e lograr que esta se sinta involucrada nese esforzo patrimonial, pero iso non se consegue con ampulosos discursos monumentais que segregan máis do que responsabilizan. Peroracións que se reiteran cada vez que un ben é incluído na xa ilimitada lista do patrimonio mundial, alimentando un sentimento neutro de veneración que fai recaer a responsabilidade exclusiva sobre o sector público. Os efectos deste proceder resultan patentes en moitas cidades históricas incluídas na lista: por un lado, sonoras declaracións con déficit de reflexión urbana e, por outro, unha tendencia económica a tratalas como caixa de plusvalías ou valor refuxio, sen deixar espazo para conxugar o público e o privado.

O obxectivo último dese esforzo debe ser patrimonializar, non monumentalizar. Cada vez que damos un paso para conservar un ben a través da acción restauradora estamos patrimonializando e transmitindo cultura. Mudar unha actitude de culto pasivo por outra activa, individual e colectiva, implica un decidido labor de transmisión da responsabilidade compartida.