Onde están os pobres?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

JUAN CARLOS HIDALGO | Efe

22 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mirou derredor esaxerando a intriga e ollando o chan, ese lugar onde adoitan estar tirados os leprosos. «Onde están os pobres? —dixo entón—. Eh? Onde estarán?». Na expresión do portavoz do Goberno madrileño había, ademais, ese medio sorriso que se lles pon aos que cobran 107.916,12 euros ao ano cando falan de pobreza. Só foi o aceno castizo de quen sabe que o que non se ve non existe (o po baixo a alfombra, a violencia machista, a corrupción, xa saben). Tragou cuspe e seguiu buscando polo chan o millón e medio de pobres que, segundo Cáritas, hai en Madrid. E algo habería de verdade, que non apareceron por ningures...

Cando tes unha casa de medio millón de euros sabes por experiencia que es mellor que os demais. Ser rico era un talento, como saber pintar, só que a destreza dos pintores non lles dá dereito a gobernar. Ademais, os ricos saben que os pobres afloran cando verdadeiramente os precisan, para fotos e cousas así. Logo, ademais, mesmo cho agradecen: votan por ti e danche maiorías. O que pasaba era que aquí, no barrio de Salamanca, un fartaba de buscar pobres e nada, caramba, estaban todos fóra de Madrid, sucios co po da devesa e os farrapiños.

O voceiro quedou convencido de que na prensa frívola lle chamarían de todo. «Negacionista da pobreza», escribirían. Pero por que non lle preguntaban? Acaso lles interesaría saber que lle romperan as gafas de Gucci? Para unha vez que lle deu por iso da sinceridade que tanto se lles reclama agora aos políticos! Dixo a pura verdade: el non vía pobres por ningures, igual que podería dicir que non vía facturas ou irmáns. Porque en fin, estaba sen gafas e iso non pode escurecer a súa condición de tipo mellor ca vostede e ca min, só que un pouco cegato.