Trona en Sarois

OPINIÓN

Alberto Ortega

16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando algo non lle conviña ou non lle interesaba á miña avoa materna, usaba a expresión «trona en Sarois», coa que cambiaba de tema facendo oídos xordos a quen buscaba con teimosía a súa opinión. Era unha táctica sinxela que as máis das veces lle saía ben porque puña un muro de desinterese e evitaba calquera compromiso ou relación.

Moitas persoas da política están tamén acostumadas a canear con outro tipo de retóricas máis sofisticadas a súa toma ou falta de decisión en diversos temas que as atinxen.

Pero hai momentos en que toca coller posición e xa non vale mirar para outro lado coma quen oe chover. E desta volta refírome a Alberto Núñez Feijoo que si, deu o paso de ser o único candidato a presidir o partido, pera xa enguliu un novo sapo en Castela e León co tema de Vox.

E por moito que nos trate de convencer de que isto é cousa de Alfonso Fernández Mañueco, que actúa pola súa conta, resulta difícil de crer que non fose consultado para esta decisión tan importante.

O propio Pablo Casado, aínda soprando a pólvora nos estertores da súa propia morte, xa se gaba de que, baixo o seu mando, Vox non entrou en ningún goberno, e mesmo o PP europeo aproveita para erguer a súa queixa diante da apertura das portas á ultradereita, unha coalición que Feijoo intenta xustificar na negativa dos socialistas de Castela e León a apoiar a lista máis votada, unha realidade que se contradí cos resultados doutras comunidades.

En fin, eu comprendo que Alberto Núñez Feijoo, presidente de Galicia polo momento, non queira cargar co morto que lle deixaron e intente mirar para outro lado por un tempo, coma se tronase en Sarois, pero moito me temo que, se algún día quere chegar ás portas da Moncloa, non lle vai quedar outra que seguir abrazando o fanatismo de Vox.

Unha mágoa.