Aprópiense da lingua galega

Pilar García Negro
María Pilar García Negro PROFESORA DA UDC E ESCRITORA

OPINIÓN

16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha cantilena recorrente responsabilizar quen defende e practica, oralmente e por escrito, a lingua galega, do seu declive, do seu desuso. A tese é fascinante. Pola mesma, son as feministas as culpábeis da denuncia da violencia contra as mulleres e do sexismo; as traballadoras da conserva, as responsábeis da discriminación salarial padecida (a quen se lle ocorre querer traballar fóra da casa e, aínda por riba, cobrar); os traballadores do metal, do cerramento das súas empresas, ou os consumidores, de acenderen a calefacción en tempo frío. A historia, ás avesas, talmente ao revés. Era ben que moitos opinion makers se informasen un pouco antes de pontificaren sobre unha cuestión que nos atinxe a todos, a lingua galega. Hai agora 150 anos, exactamente, aparecía anunciada a publicación de Follas novas, de Rosalía de Castro. Demorou oito anos (1880). Esta obra é o certificado definitivo da validade da lingua galega para todas as funcións literarias, para todos os xéneros (explícitos ou implícitos). A conversión da potencia en acto. Desde aquela e até hoxe, a recuperación paulatina de usos públicos da lingua, en absoluto culminada, fíxose —oh, asombro— en galego, procurando o maior efecto multiplicador: asunto xeral, para toda a poboación, non para un club restrito. Lémbrese, sen máis, como se restaurou a toponimia xenuína e como chegou a facerse lei.

 Nestas datas, recórdase o prematuro falecemento de Carlos Casares: escritor galego e só en galego. Cómpre lembrar que el foi o redactor material da Lei de Normalización Lingüística (1983). Vinte anos despois —á vista da súa inaplicación—, a mesma Dirección Xeral de Política Lingüística (Xesús Pablo González Moreiras) patrocinou a elaboración do Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade do Parlamento o 21 de setembro de 2004, no último Goberno presidido por Fraga Iribarne. Decretos posteriores vixentes supoñen unha emenda á totalidade deste texto. Que foi del? A que papeleira da historia foi condenado? Cantos dos obxectivos e das medidas propostas se cumpriron? Como se denomina este incumprimento flagrante da lei?

Acabo de recibir un pdf da Consellaría de Sanidade etiquetado como «Gallego». Que bonito! Que exotismo na propia terra! Talmente como as «misas en gallego» ao final das maioritarias en español, que, como se sabe, é o idioma en que Cristo predicou. Anímense, detractores do galego existente! Aprópiense del, cultíveno, esmérense por practicalo por toda a parte. Así deixará de ser «patrimonio» de ninguén.