A educación da bicicleta

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

CÉSAR TOIMIL

15 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son varias as razóns que avalan a proposta do ministro de Interior de potenciar a educación viaria, dentro da materia de Educación Física en educación primaria e secundaria, creando un módulo para aprender a circular en bicicleta. A primeira, porque é urxente fomentar competencias para previr accidentes, protexendo aos ciclistas da grave irresponsabilidade ou ignorancia dos condutores de vehículos a motor.

Moitos non saben, por exemplo, que aqueles poden circular en paralelo en tramos con visibilidade; que ao vir un deles dunha intersección ou ao entrar nunha rotonda, hai que esperar a que accedan os demais, se veñen en grupo; que se debe deixar un mínimo de metro e medio de distancia ao adiantarlles ou ben que se pode pisar a raia continua para facelo. A segunda, porque tamén descoñecen os ciclistas obrigas esenciais deles, como advertir da freada brusca, respectar as taxas de alcohol e ter prohibido cruzar os pasos de peóns na bici ou utilizar o móbil.

En terceiro lugar, porque é esencial potenciar na escola o uso da bicicleta como medio de transporte, aspecto tan prioritario noutros países como abandonado no noso. Non contamina, fomenta o exercicio físico, resulta doada de aparcar e mesmo aforra tempo e diñeiro. Por suposto que as administracións teñen un longo camiño por diante para crear carrís e aparcamentos específicos, así como para protexer aos ciclistas da falta de respecto nas vías públicas. Pero tampouco hai conciencia social sobre a redución do uso de vehículos a motor e impulso doutras alternativas ecolóxicas, como é o caso da bicicleta. Hai que crear actitudes positivas cara a mellorar non só a seguridade viaria senón tamén a calidade de vida e medioambiental.

Hoxe é moi preocupante a falta de actividade física dos rapaces. Un 80 % deles só fai exercicio nas dúas horas semanais da clase de Educación Física, o que trouxo como consecuencia un incremento alarmante do sedentarismo e do exceso de peso, con resultados negativos para a saúde, a normal maduración e incluso para o rendemento académico. Todo o que supoña fomentar o uso da bicicleta desde a escola vai contribuír nada menos que a mellorar o tráfico, medio ambiente, saúde, economía ou fracaso escolar.