Zelenski, o presidente neofalante

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

13 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Volodímir Zelenski foi escollido presidente da Ucraína, un comentarista político televisivo ruso desprezouno dicindo: «É un frouxo, que non ten relixión nin patria». Con frouxo referíase á súa carreira de comediante, coa que se fixera célebre como protagonista da serie televisiva Servidor do pobo, onde representaba a un profesor de historia que da noite para a mañá acordaba presidente do país. O de que non tiña relixión denunciaba de esguello a súa familia xudía non practicante. O de carecer de patria era unha crítica velada á súa condición de traidor, falante nativo do ruso que pasara a ser neofalante de ucraíno, seica con fonética pouco enxebre: grazas ao seu bilingüismo viña actuando con aplauso ante audiencias das dúas linguas. O irónico é que foi elixido presidente cunha votación esmagadora, xusto —disque— por aquelas características: a maioría do electorado ucraíno estaba ata o curuto de políticos vociferantes, sectarios e remexedores de paixóns chauvinistas. O feito é que Zelenski acadou os mellores resultados electorais nas zonas centrais e orientais do país, onde residen os máis dos rusofalantes. Máis irónico aínda é que a invasión estranxeira fixese del un líder épico, arrichado adaíl das súas conviccións democráticas e da súa nación. É abraiante como soubo aproveitar o seu bilingüismo: a vibrante alocución que dirixiu á cidadanía rusa, na súa propia lingua, ao inicio da guerra, tivo, ao tempo, un efecto electrizante sobre os ucraínos rusófonos.

A situación de Ucraína no plano lingüístico non é moi distinta, mutatis mutandis, da de Galicia, pois nos dous territorios fálanse dúas linguas moi próximas entre si, unha delas propia e subordinada, e outra, dominante, que procede dun país veciño. A maior diferenza é que nalgunhas rexións do territorio ucraíno o ruso ten unha implantación maioritaria, cousa que ata agora non acontecía en Galicia. Precisamente a suposta discriminación da poboación rusofalante foi un dos argumentos que esgrimiu Vladimir Putin para xustificar a súa agresión criminal. Seica o que conseguiu foi o contrario: a maioría desa poboación séntese máis ucraína e menos rusa ca nunca. É curioso que nos medios españois non se faga moita referencia a ese argumento. A política lingüística da Ucraína daría para unha reflexión, que deixamos para outra ocasión. O certo é que o heroe nacional da Ucraína de hoxe é un neofalante bilingüe. Toda unha lección, para quen queira oíla.