Carlos Casares como Steve Jobs

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA Y VERÁS

OPINIÓN

CESAR QUIAN

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Era moreno, baixiño, de nariz longo e con pelo. Non se parecía nada a Steve Jobs, pero Carlos Casares foi, coma el, un visionario. Un visionario da lingua. Un escritor adiantado ao seu tempo, curioso, traballador e enfocado na practicidade das cousas. Non sei como serían estes vinte anos de Casares rodeado de smartphones, redes, zooms, e todas as apps que permiten unha conectividade total, pero de seguro teríalles sacado partido. Porque a pouco que se rastrexe na súa vida, e como contaron os seus propios fillos, Carlos era un apaixonado do miúdo e da tecnoloxía. Foi dos primeiros autores galegos en escribir en ordenador (nos anos 80) chamado polo poder da comunicación. Por iso, nesta comparanza que algúns pensarán esaxerada, hai de fondo ese constante argallar na mellora, en construír, en poñer en contacto na procura da sinxeleza. Casares achegou o galego á xente, empregou unha lingua limpa e próxima, cun estilo claro, fácil de manexar, entendible para calquera e quixo, ademais, que esa lingua estivese en todos aqueles ámbitos que non estaba, de aí o seu empeño en facer. Teimou en espallar o galego escribindo, lendo, contando, ensinando, convencendo, en todos os ámbitos posibles en busca desa conectividade da que tanto se fala agora. Carlos Casares soñou un futuro e traballou para regalárnolo. Era un moderno, un visionario do galego, que dedicou a súa vida a facer, a facer o ben, a facelo ben.