Un pombal: o urxente e o imprescindible

David Barro AO FÍO

OPINIÓN

04 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para moitos non serán máis que unhas pombas pintadas nun pombal. Para outros, un obxecto cun valor económico elevado, un ben patrimonial que se vai da cidade sen coñecer apenas a súa existencia ata que foi anunciada a súa marcha. Máis aló do seu interese formal, trátase dun cadro que lle lembra ao mundo enteiro que foi na Coruña onde Pablo Picasso comeza a pintar, alí onde o seu pai, José Ruiz Blasco, ensinoulle a debuxar pombas, sen as cales posiblemente non existiría esa —máis necesaria que nunca— pomba que Picasso converterá en símbolo universal da paz no primeiro Congreso Mundial pola Paz celebrado o 20 de abril de 1949 en París.

Agora o cadro abandona a cidade e estas situacións nunca son por casualidade. Por suposto, é un reflexo da evidente apatía para coa cultura e de como se confunde, ou se prefiren desaténdese, a partir dun populismo social. Non fai falta irse moi lonxe para acordarse de como hai uns anos A Coruña impulsou unha recuperación do legado de Picasso, a partir dunha serie de accións que propiciaron a súa recuperación simbólica, aínda que eses esforzos fóronse diluíndo de maneira directamente proporcional ao declive das políticas culturais da cidade.

A arte ten capacidade para achegar unha sensibilidade estratéxica e, sabéndoa aproveitar, unha dimensión cultural que repercute significativamente no turismo e na economía. Esa é a verdadeira perda que se suma á patrimonial. No fondo pérdese algo que nos últimos anos xa non se tivo, como é o valor estratéxico, xa que non se soubo entender a cadea de valor cultural e económica que un patrimonio material e inmaterial como este legado pode dar. Os propietarios do cadro prestado teñen claro que o destino de Palomar debe ser a súa exhibición para o goce público e atopan —lamentablemente para A Coruña e para Galicia— no proxecto do Museu Picasso de Barcelona un destino mellor.