Europa, Rusia e o amigo americano

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Sergei Karpukhin

02 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Europa leva 120 anos en decadencia e o ataque de Rusia a Ucraína demostra a ausencia dunha política xeoestratéxica europea a través da UE e da OCSE. Tamén desvenda que o Imperio ruso foi o único que non sucumbiu en 1918 cando caeron o austríaco, o alemán e o otomano. Políticos e analistas da UE están pendentes de USA para comprobar —unha vez máis— que os seus intereses difiren dos europeos.

A finais do XIX, na guerra hispano-norteamericana, Estados Unidos acabou no Caribe e Asia cos restos do primeiro gran imperio europeo intercontinental. En España seguen egocentricamente empeñados en chamarlle «o 98» ao momento en que a nova potencia saíu das súas fronteiras no marco da segunda industrialización: motor de explosión, electricidade, química... A guerra ruso-xaponesa de 1905 foi o seguinte xiro na reorientación dos intereses do mundo fóra de Europa. O arrinque definitivo da decadencia europea foi a Gran Guerra —cun precedente balcánico— que só se fixo mundial cando os EE.UU. de Wilson decidiron intervir; os lazos co Reino Unido (curmáns) e Francia (nai ideolóxica) eran aínda fortes e a opción da expansión económica e política con soporte militar, atractiva. Os resultados foron a división dos imperios europeos centrais, o principio de autodeterminación das nacións e a Sociedade das Nacións. En 1919, EE.UU. repregouse politicamente, pero ficou economicamente coa Telefónica e a maquinaria coa que a URSS fixo a colectivización en 1929. Os decadentes imperios europeos occidentais —tamén o Portugal das avenidas dos Aliados— seguiron repartíndose o mundo. A derrota otomana levou a Francia e ao Reino Unido a un Oriente Medio do que os norteamericanos aínda non querían saber ren. Acabarían arrastrados por Israel, unha débeda europea que arrinca da Declaración Balfour (1917).

Na Segunda Guerra Mundial a globalización virou definitivamente ao Pacífico. Esa foi a fronte de guerra de EE.UU., tan conservadores en Europa que só abriron a segunda fronte en 1944. Antes entraran por África e quedaran en Italia. Desde 1945 a americanización de Europa, mesmo cultural, foi total. E nin tan mal. Que fariamos sen Hollywood? Unha Europa derrotada en moitos sentidos acomodouse ao amigo americano sen asumir o seu declive. Agás quizais os países nórdicos. A caída do muro en 1989 modificou as condicións de posguerra e iniciou unha nova partida. Pese ao intento alemán, a UE non logrou integrar o Leste política nin economicamente en lóxica europea, porén na inercia da Guerra Fría o Reino Unido e EE.UU. alentaron gañar espazo político e económico cara a Moscú. Europa non soubo integrar a Rusia mentres EE.UU. integrou a China. O mundo está no Pacífico e Europa nunha guerra sen dirección que xa non é a dos Balcáns, senón a guerra grande.

Invadindo Ucraína, a estadocracia rusa amosounos que o imperio zarista sobrevivira coa URSS. Entre 1918 e 1923 Ucraína, como Irlanda, logrou a independencia. Antes repartida entre Galitzia e o Don ruso, encrucillada dos imperios austríaco, ruso e otomano, Putin atacouna agora, despois de crear un Úlster chamado Donetsk. A Europa tócalle reclamar o dereito de vivir en paz das persoas que pasan pola historia sen decidir as guerras.