Asaltar os cemiterios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

cedidas

25 feb 2022 . Actualizado a las 08:28 h.

Son días revoltos. Demasiadas novas tétricas que non se están tendo en conta coa suficiente atención porque a marea política é quen de arrastrar con todo. Só sabemos mirar para aí, chegando a desviarnos doutros temas.

Hai algo que non quixera pasar por alto. Afástense da idea de que un adolescente se converta nun asasino por ler un libro. Tampouco por xogar a un videoxogo. Os expertos así o explican. Por moito que as tecnoloxías se convertan nunha prolongación deles mesmos, é insuficiente para explicar un asasinato.

De verdade que é alucinante a cantidade de ideas disparatadas que se poden chegar a lanzar ao aire cando se producen sucesos incomprensibles.

Lembran aquela época na que puxemos o foco nos xogos de rol polo mesmo motivo? Acabou por esquecerse porque non tiña sentido, nin fundamento. Así que agora, por favor, centrémonos no foco da cuestión.

O problema non é un libro, nin un xogo, nin sequera unha adicción. O problema está nunha mente perturbada, que non rexe ben, e en ter acceso a unha arma. Un adolescente con acceso a unha arma. Tamén podería ter usado un coitelo, si, claro. Pero o problema é ese: ter unha desorde mental perigosa e acceso a armas. Non desvariemos e tratemos de distraer a atención, porque iso é a sensación que causa, a de querer despistar o centro da cuestión.

De seguir ese razoamento... como non estamos asaltando cemiterios para crear monstros? Frankenstein leva máis de vinte e cinco millóns de copias vendidas. Será que o problema non está no libro.